No Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios
Galicia reclama unha reforma da Política Pesqueira Común que responda de xeito eficaz ás necesidades e desafíos actuais do sector
O titular de Mar avoga por un modelo de xestión pesqueira equilibrado entre os factores medioambientais e os socioeconómicos, sustentado no coñecemento científico, e que reforza a pesca como piar da soberanía alimentaria
Tamén trasladou a importancia de impulsar un marco normativo que preserve as singularidades de cada Estado membro e avance no level playing field para protexer ao sector da competencia desleal de terceiros países con lexislacións máis laxas
A Xunta trasladou a posición da comunidade ao comisario de Pesca, Costas Kadis, no encontro celebrado o pasado mes de febreiro así como á rexión francesa de Bretaña como aliada no ámbito comunitario en defensa da cadea mar-industria
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado este luns previo ao Consello Europeo de Agricultura e Pesca do vindeiro 24 de marzo no que se vai a discutir “O futuro da política pesqueira común”. O responsable autonómico defendeu neste foro a posición de Galicia que conta cunha folla de ruta clara emanada do consenso e plasmada no ditame do Consello Galego de Pesca de febreiro de 2022 “Sobre a estratexia de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC)”.
Na liña de dito documento, Alfonso Villares sinalou que a actual PPC non logrou cumprir os obxectivos marcados polo que reclamou unha reforma que considere e manteña un equilibrio entre as dimensións sociais, económicas e medioambientais, cruciais para a sostibilidade como fonte de alimentos de calidade e piar da necesaria soberanía alimentaria do continente. Ademais, resaltou que é preciso deseñar unha estratexia para o futuro da pesca cunha visión ampla e planificada que aborde as necesidades e desafíos actuais do sector pesqueiro e que permita unha xestión eficiente con obxectivos realistas que afonden na competitividade e transformación do conxunto da cadea mar industria.
O titular de Mar puxo o foco tamén na importancia de impulsar un marco normativo que preserve as singularidades de cada Estado membro á vez que recolla o level playing field que protexa á frota comunitaria da competencia desleal de terceiros países con lexislacións medioambientais e laborais máis laxas. Un aspecto fundamental e moi demandado polo sector dado que o 70% do peixe que é consumido en Europa provén de países extracomunitarios.
O responsable autonómico reivindicou unha modelo de xestión pesqueira sustentada no mellor coñecemento científico, que teña en conta os informes biolóxicos e socioeconómicos así como que sexa capaz de xerar emprego e impulsar a sostibilidade das comunidades costeiras dependentes da pesca. Nesta liña, apostou por revisar o concepto de zona altamente dependente da pesca para que sexa orientada a súa definición cara elemento clave como a produción de alimentos de calidade.
Contactos en Bruxelas
O Goberno galego xa trasladou a posición de Galicia ao actual comisario de Pesca, Costas Kadis, no encontro que mantivo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o pasado mes de febreiro. Ademais, a comunidade mantén un papel protagonista no ámbito da Conferencia de Rexións Periféricas de Europa (CRPM) na que preside o Grupo de Traballo de Pesca. Un foro que permitiu estreitar lazos con outras rexións na defensa da actividade do sector pesqueiro nas institucións comunitarias como, por exemplo, a Bretaña francesa que realizou unha recente visita á comunidade a través dunha delegación liderada polo seu vicepresidente de Mar e Litoral, Daniel Cueff.