O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Vigo no acto do cuarto aniversario do Work Café do Banco Santander e de lanzamento do ciclo Founder

A Xunta avoga pola coordinación de esforzos para seguir avanzando no apoio ao emprendemento ligado ao territorio

José González puxo de relevo a aposta de Galicia pola colaboración público-privada para impulsar ideas que favorezan á comunidade e o traballo que se está a realizar para identificar oportunidades de negocio atendendo ao potencial das cidades e vilas

Destacou a aposta do Executivo autonómico por unha actividade innovadora, escalable, adaptable e sustentable e a importancia de reter, captar e formar talento emprendedor para sumalo ao tecido produtivo

Salientou o papel facilitador e de acompañamento da Rede de polos de emprendemento, que leva atendidos máis de 3.600 proxectos de diferentes sectores e lembrou que este ano o Exeutivo galego destina 32 M€ ao emprendemento

Vigo, 20 de marzo de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe a coordinación de esforzos para seguir avanzando no apoio ao emprendemento ligado ao territorio. Nesta liña, puxo de relevo a aposta da Xunta pola colaboración público-privada para impulsar en Galicia ideas que fagan medrar a comunidade e o traballo que se está a realizar para identificar oportunidades de negocio atendendo ao potencial das cidades e vilas galegas para emprender.

Así o destacou en Vigo no evento do cuarto aniversario do Work Café do Banco Santander, primeiro espazo café de traballo de Galicia, e de lanzamento do ciclo Founder, un proxecto vencellado a esta iniciativa para aprender, a través do intercambio de experiencias, de empresarios reais que xa pasaron por todas as fases do emprendemento.

Neste contexto, José González sinalou que estas iniciativas concordan coa aposta do Goberno galego a prol da posta en marcha de ideas de negocio sobre o modelo da colaboración público-privada. Ademais, agradeceu ao Banco Santander a súa contribución, con estas ferramentas, ao progreso e a competitividade do tecido empresarial galego.

Con ese fin, engadiu que Galicia aposta por un emprendemento conectado ao territorio, innovador e, ao mesmo tempo, por potenciar o tradicional, así como as sinerxías entre tradición e vangarda. Tamén busca impulsar unha actividade escalable, adaptable, e sustentable e neste campo destacou a importancia de reter, captar e formar talento emprendedor, potenciando o de colectivos como a mocidade, mulleres, retornados, entre outros, para sumalo ao tecido produtivo.

Para iso, subliñou o conselleiro, o obxectivo é ser unha Administración facilitadora, que acompaña, asesora e apoia aos novos proxectos emprendedores no seu camiño, cunha especial aposta por aqueles que estean ligados ao territorio. Dentro deste papel destacou o labor da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas por toda Galicia e leva atendidos máis de 3.600 proxectos de diferentes sectores desde a súa posta en marcha, en xullo de 2022.

Outro exemplo que sinalou é a simplificación administrativa nas axudas específicas aos autónomos co lanzamento dunha orde unificada por valor de máis de 40 M€ e a implementación dun chatbot de intelixencia artificial para resolver dúbidas en tempo real.

Pulo á vocación emprendedora no 2025

Para seguir potenciando a vocación emprendedora, este ano o Goberno galego destina a este ámbito 32 M€ e a través da Rede de polos desenvolve iniciativas como o proxecto Fixar que impulsa os modelos coliving para reter e atraer emprendedores á comunidade e do que este ano se lanzará a segunda edición. Un dos coliving vencellados a esta iniciativa é o de Anceu, en Ponte Caldelas.

Neste eido, José González tamén destacou os apoios da Xunta ao emprendemento dos retornados, para sacar máximo aproveitamento do seu talento como as axudas ao Retorno Emprendedor.  Este tipo de actuacións, lembrou, fixeron que Galicia obtivese o premio Rexión Emprendedora Europea 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025