O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as obras acompañado da alcaldesa, Isabel Gil
O novo centro de día municipal de Ramirás comeza a ser unha realidade cun investimento de máis de 430.000 € por parte da Xunta
O Executivo autonómico financia o 100 % das obras a través do seu Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos municipais destinados ás persoas maiores
O novo servizo de atención diúrna de Ramirás disporá de 20 prazas e se emprazará nunha antiga escola construída na década dos 30 do século pasado, un dos edificios máis singulares da localidade
Ramirás (Ourense), 21 de xullo de 2024
A Xunta de Galicia reforzará os servizos destinados á atención das persoas maiores en Ramirás para o que está a financiar con 432.000 euros a construción dun centro de día que dependerá do concello. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá as obras acompañado da alcaldesa, Isabel Gil.
O Executivo autonómico financia o 100 % desta actuación, a través do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de recursos municipais para as persoas maiores. Os traballos, xa iniciados, consisten na rehabilitación dunha antiga escola construída na década dos 30 do século pasado e que é un dos edificios máis singulares de Ramirás. O novo centro de día terá capacidade para 20 usuarios e a titularidade e xestión corresponderá ao concello.
Perfecto Rodríguez manifestou a súa satisfacción polo feito de que, paso a paso, os máis de 20 concellos que recibiron fondos do Plan de investimentos da Xunta comezan a poñer en marcha os seus proxectos. En total, o Goberno galego destina 18,5 millóns de euros a impulsar a rede local de recursos para a atención ás persoas maiores, con novas residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociocomunitarios. En concreto, este plan suporá a creación de 500 novas prazas de atención residencial e outras 150 de atención diúrna en concellos rurais menos poboados.
O Plan de Investimentos foi acordado pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provinciais (Fegamp) e os seus fondos proceden do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).