O CEIP Terra Chá de Vilalba celebra os seus 40 anos cunha festa e a inauguración dunha escultura que enxalza o ensino no rural
Vilalba (Lugo), 22 de marzo de 2025
O Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá da parroquia de Román, en Vilalba, celebrou hoxe o seu 40º aniversario con actividades festivas e cun xantar popular ao que asistiron profesorado e alumnado antigo e actual, familias e demais persoas que tiveron contacto co centro ao longo destas catro décadas. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na xornada.
Un dos actos principais do evento, que contou co apoio do Goberno galego, foi a inauguración da escultura 40 anos de ensino rural, realizada pola artesá Clara Naseiro, que quedou instalada na entrada principal do recinto escolar. Tamén se presentou unha exposición fotográfica que repasa a historia do colexio.
Arias enxalzou a calidade do ensino no rural galego, “un modelo de éxito grazas ao traballo e implicación do profesorado”, que está avalado “polos resultados académicos do alumnado e polo aumento das cifras de matrícula en centros coma este”. Tamén destacou as obras que está a executar a Xunta para modernizar as infraestruturas educativas urbanas e rurais, das que tamén se beneficiou o CEIP Terra Chá, no que se investiron 204.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética.