A Comunidade de Usuarios de Randufe, Lisorios e Formigos, na Cañiza, mellorou o seu sistema potabilizador grazas a unha axuda da Xunta
Máis de 100 entidades da área territorial de Pontevedra recibiron un total de máis de 1 millón de euros para mellora das súas instalacións e compra de material
O delegado territorial felicitou aos veciños polo seu traballo incansable e desinteresado
A nova convocatoria desta liña de axudas conta cun orzamento de 4 millóns de euros, un máis que o ano pasado
A Cañiza (Pontevedra), 25 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta as instalacións da Comunidade de Usuarios de Randufe, Lisorios e Formigos, no concello da Cañiza, que recibiu unha axuda de 10.000 euros da Xunta para mellorar as súas infraestruturas.
Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a máis de 100 entidades na área territorial de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de un millón de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material. No concello da Cañiza tamén se beneficiou destas axudas a Comunidade de Usuarios de Augas Consumo Novas; a Comunidade de usuarios de Temperan, Furnia, Almuiña, Sobreiro, Loureiros; a Comunidade de usuarios de Pereiras; e a Comunidade de usuarios de Barrio de Abaixo da Cañiza. Cada unha delas recibiu unha achega de 12.000 euros.
No caso da comunidade de usuarios de Randufe, Lisorios e Formigos, o investimento da Xunta permitiu instalar un novo sistema de potabilización, que ademais mide de forma automática os niveis de cloro e ph, o que facilita o cumprimento das actuais exixencias sanitarias. A axuda tamén permitiu a instalación e montaxe do abastecemento eléctrico mediante campo fotovoltaico, con paneis solares e baterías que permiten unha maior independencia enerxética.
O delegado puido conversar con varios dos usuarios e trasladoulles o compromiso da Xunta con este tipo de identidades que “son imprescindibles en moitas partes do noso territorio”. Ademais, Reguera agradeceu o “traballo incansable e desinteresado de todos os que investides o voso tempo libre en proporcionar un servizo de calidade aos vosos veciños”.
Nova convocatoria
A nova convocatoria destas subvencións contará con un millón de euros máis de orzamento que a edición pasada, chegando aos 4 millóns de euros. Deste xeito, preténdese dar resposta ao éxito da convocatoria nos últimos anos. De feito, o ano pasado os 3 millóns de orzamento investíronse en 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais ou nas traídas de auga de toda Galicia.
Así, esta nova convocatoria consta de dúas liñas: unha de 3,4 millóns de euros para obras de acondicionamento nos locais de asociacións de veciños ou de mulleres rurais e nas traídas de auga das comunidades de usuarios de augas, e outra cos 600.000 euros restantes reservadas á dotación de equipamento.
As axudas económicas concedidas poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros na de equipamento.
Dende a sua posta en marcha, no ano 2016 e ata o 2024, esta liña de axudas permitiu levar a cabo iniciativas a case 2.000 entidades por valor de 22 millóns de euros.