A Xunta concede 220.000 euros a dez asociacións de criadores para o fomento das razas autóctonas galegas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas axudas, que buscan apoiar a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza
As subvencións non só teñen beneficios para a biodiversidade, senón que contribúen á preservación do patrimonio cultural de Galicia e ao desenvolvemento económico da comunidade rural galega
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas. En total, o Goberno autonómico repartiu 220.000 euros entre dez asociacións de criadores. As beneficiarias destas achegas son as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma para a xestión do libro xenealóxico no marco do Programa de cría da raza correspondente.
O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). No marco destas achegas, son subvencionables os gastos derivados da creación ou mantemento de libros xenealóxicos. As achegas tamén servirán para sufragar os gastos relativos á implantación e desenvolvemento dos programas de cría oficialmente aprobados.
Neste sentido, as axudas teñen como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras; modernizar o sector primario galego en materia de xenética, sanidade e producións; así como mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades nas súas producións.
Estas subvencións non só presentan beneficios para a biodiversidade, senón que contribúen á preservación do patrimonio cultural de Galicia e ao desenvolvemento económico da comunidade rural galega. Manter medidas de apoio a estas razas tamén permite que se desenvolvan sistemas agrogandeiros máis resilientes e sostibles.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250327/AnuncioG0426-190325-0002_gl.html