Ángeles Vázquez e o alcalde de Guntín estudan a mellora da rede de abastecemento do municipio

Analizaron o proxecto municipal para mellorar o servizo de auga potable no núcleo de Guntín de Pallares, que contaría cun orzamento inicial de 400.000 euros para construír un depósito e a rede de tubaxes, pozos, arquetas e válvulas correspondente

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Guntín, Ángel Pérez, estudaron hoxe a mellora da rede de abastecemento da localidade durante unha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela.

En concreto, o rexedor informou á conselleira do proxecto municipal para mellorar a rede de abastecemento de auga potable no núcleo de Guntín de Pallares. Segundo a documentación presentada polo alcalde, a actuación, cun orzamento inicial estimado de 400.000 euros, consistiría na construción dun depósito de auga potable que garanta unha maior capacidade de subministro, así como a instalación da rede de tubaxes, pozos, arquetas e válvulas correspondentes.

Ángeles Vázquez explicou ao alcalde que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto de cara a establecer vías de colaboración para acometelo. Nesa liña, reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático. 

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2025