A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Vilagarcía de Arousa avanzan no proxecto para acometer a ampliación da EDAR
Ángeles Vázquez propón ao alcalde que a Administración autonómica asuma o 80% do custo desa actuación e que o concello abone o 20% restante
O Goberno galego destinou preto de 10 M€ a renovar o saneamento na localidade
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, estudaron nunha reunión que mantiveron esta tarde vías de financiamento para acometer a ampliación da estación de depuradora de augas residuais (EDAR).
Ángeles Vázquez e Alberto Varela retomaron a proposta de convenio segundo o cal a Xunta asumiría o 80% do custo desa actuación e que o concello abonaría o 20% restante con fondos propios ou recorrendo a financiamento por parte doutras administracións. De feito, segundo explicou a conselleira, esa é unha opción que están adoptando algúns municipios para levar a cabo iniciativas deste tipo.
Nesa liña, cómpre indicar que Augas de Galicia xa redactou o anteproxecto para levar a cabo a mellora da capacidade da liña de proceso da EDAR de Vilagarcía de Arousa cun orzamento inicial estimado de preto de 31,4 millóns de euros
A maiores, o Goberno galego destinou preto de 10 millóns de euros a renovar o saneamento na localidade. En concreto, xa se están a executar as obras para renovar a rede de colectores na avenida de Rodrigo de Mendoza e para executar un novo treito de colector na avenida de Cambados. A maiores, estanse a construír dous tanques de tormentas na contorna da Praza, cun volume de retención de 3.700 metros cúbicos, e en Fexdega, cunha capacidade de 2.080 metros cúbicos.
Segundo indicou a conselleira, estes investimentos confirman o compromiso da Xunta co apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza. De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, dos que preto da metade se destinarán ao Plan integrado para o saneamento das rías.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.