O presidente da Xunta asiste á presentación do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027
Rueda anuncia tres novas convocatorias por máis de 10 M€ para proxectos de I+D+i e tecnoloxía de alto impacto
Destaca o compromiso da Xunta para “consolidar Galicia coma un referente innovador”
Salienta o papel dos investigadores galegos que forman parte “da marca Galicia calidade” e son un bo exemplo do talento e excelencia que hai na comunidade
As novas liñas de axuda buscan reforzar a actividade no sector da biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a cuántica e a investigación empresarial de Galicia
Resalta que o novo Plan está dotado de 1.310 M€ e contará con 165 accións
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o lanzamento de tres novas convocatorias de axudas destinada a impulsar a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. Estas iniciativas, dotadas con máis de 10 millóns de euros, teñen como obxectivo “consolidar Galicia coma un referente innovador e no I+D+i”.
Durante a presentación do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, Rueda salientou o compromiso da Xunta coa ciencia. “O I+D abre portas, supón oportunidades, xera tranquilidade, riqueza, emprego e acelera a mellora da sociedade”, indicou tras asegurar que ademais a investigación que se realiza na comunidade “forma parte da marca Galicia Calidade e da excelencia do que se fai aquí”.
Tal e como explicou o presidente, as novas axudas céntrase en tres ámbitos prioritarios para a Administracións: proxectos colaborativos no sector da biotecnoloxía, co obxectivo de reforzar as capacidades do sector; proxectos colaborativos das chamadas tecnoloxías profundas, dirixidas ao fomento da intelixencia artificial e a cuántica no ecosistema galego de I+D+i; e apoio a proxectos de investigación e desenvolvemento empresarial, que brinda apoio ás empresas para xerar solucións tecnolóxicas de alto impacto e o fomento do emprego altamente cualificado.
Plan galego de investigación e innovación 2025-2027
Rueda realizou este anuncio ante preto de mil membros da I+D+i galega durante o acto para presentar Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, unha folla de ruta dotada con 1.310 millóns de euros (20% máis que o anterior marco) que busca transformar o modelo produtivo galego e consolidar Galicia como un referente nacional e internacional neste sector.
O plan contén 165 instrumentos articulados a través de cinco programas que abranguen atención aos investigadores e ao persoal que traballa no sector; axudas á investigación e ao desenvolvemento tecnolóxico; apoio á innovación empresarial e ao emprendemento innovador; reforzo da conexión entre coñecemento, tecnoloxía e sectores produtivos, e maior visibilidade e presenza da I+D+i galegas a nivel nacional e internacional.
Rueda apuntou á aposta da Xunta pola innovación como “a mellor garantía para enfrontar os desafíos futuros”, situando a investigación e a innovación no centro do desenvolvemento económico e social do territorio. Neste senso, subliñou que a Xunta é a comunidade que máis incrementou o investimento en I+D a nivel estatal no último ano, cun 28,2% máis ata preto de 1.000 millóns de euros.
O xefe do Executivo galego reivindicou o ecosistema innovador de Galicia con avances notables en áreas estratéxicas como “a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías cuánticas”. O novo plan sitúa o foco no reforzo do talento, da especialización e da transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido produtivo.