Os homenaxeados foron a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora de Rosario, Afundación-Obra Social Abanca e o Catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares
Rueda apela ao consenso, á cultura e ao orgullo galego na entrega das Medallas do Parlamento de Galicia
Subliña que “calquera sociedade que aspire a mellorar precisa referentes que inspiren á cidadanía”
Fai un chamamento aos grandes consensos que Galicia necesita para enfrontar os desafíos actuais, incluíndo a defensa da democracia e o reforzo do benestar
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia, un recoñecemento que distingue a institucións ou persoas físicas ou xurídicas que prestaron servizos destacados a Galicia e ao pobo galego.
As insignias, que se entregan desde 2016, foron concedidas este ano á Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora de Rosario, pola difusión, estudo, investigación e conservación da colección artística da Cámara autonómica; a Afundación-Obra Social Abanca, pola cooperación na organización de exposición, intercambio de pezas e realización de estudos de obras de arte; e ao Catedrático de Historia Contemporánea Ramón Villares, ex-presidente do Consello da Cultura Galega.
Rueda subliñou que “calquera sociedade que aspire a mellorar precisa referentes que inspiren á cidadanía”, e destacou que os galardoados deste ano son “dignos continuadores” dos valores de servizo público, cultura e identidade que define a esta distinción.
O presidente fixo un chamamento aos grandes consensos e pactos que Galicia necesita para enfrontar os desafíos actuais: defensa da democracia, reforzo do estado do benestar, impulso industrial e protección a lingua galega como elemento de unión.
O titular do Goberno autonómico concluíu destacando o esforzo e mérito individuais como alicerces dunha Galicia plural, aberta e orgullosa da súa identidade. “Facemos as cousas coa nosa marca propia, e estas medallas reafirman, un ano máis, o compromiso coa excelencia, a cultura e á construción dun futuro común para todos os galegos”, apuntou.