Estabilizado o lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque do Xurés
O incendio forestal, procedente de Portugal, entrou en Galicia arredor das 13.20 horas deste mediodía, dándose por estabilizado ás 16.10 horas e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de menos de 1 hectárea
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou dende Portugal e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, está estabilizado desde as 16.10 horas.
O lume, que segundo as últimas estimacións afecta menos de 1 hectárea en territorio galego, chegou á nosa comunidade arredor das 13.20 horas deste mediodía e para a súa estabilización mobilizáronse 1 técnico, 2 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas, 2 helicópteros e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.