O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Sober os ‘stands’ de Artesanía de Galicia presentes na 45º edición desta cita

A Xunta destaca na Feira do viño de Amandi o valor do emprendemento ligado ao territorio e do talento artesán como motores de dinamización

José González salientou a importancia deste evento non só como unha referencia no eido vitivinícola, senón tamén como un magnífico escaparate da olería tradicional da contorna: a de Gundivós, unha das máis primitivas da Península Ibérica

Lembrou o compromiso da Xunta coa preservación dos oficios tradicionais, unha das liñas prioritarias do novo Plan estratéxico de comercio 2025-2030, contemplando accións como as futuras bolsas de aprendices do programa ‘Aprender da tradición’

A Fundación Artesanía de Galicia colabora coa Feira do Viño de Amandi desde o ano 2010, en cuxa carpa de bodegueiros os asistentes poden achegarse ao labor de dous expositores de olería tradicional: Rectoral de Gundivós e Olería Figulus

Ademais, a presente edición tamén contará coa presenza doutros obradoiros adheridos ao selo, como Bisutetoka, Sendacuero e Malasherbas

Sober (Lugo), 12 de abril de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá os stands de Artesanía de Galicia participantes na XLV Feira do Viño de Amandi. Durante o percorrido — no que tamén estivo presente o alcalde de Sober, Luis Fernández— destacou o valor desta cita non só como un evento de referencia no eido vitivinícola, senón tamén como un magnífico escaparate do talento artesán e da olería tradicional da contorna: a de Gundivós, unha das máis primitivas da Península Ibérica, que ofrece pezas dunha característica cor negra e a única de torno baixo que se conserva en Galicia.

A Fundación Artesanía de Galicia colabora de maneira habitual coa Feira do Viño de Amandi desde o ano 2010, en cuxa carpa de bodegueiros os asistentes poden achegarse ao labor de dous expositores de olería tradicional que forman parte de Artesanía de Galicia: Rectoral de Gundivós e Olería Figulus. Ademais, a presente edición tamén contará coa presenza doutros obradoiros adheridos ao selo, como Bisutetoka, Sendacuero e Malasherbas.

O conselleiro destacou que a artesanía tradicional galega, ademais da súa importancia cultural e patrimonial, tamén é sinónimo de emprendemento e de futuro para o territorio, polo que a remuda xeracional nos oficios tradicionais é unha das principais prioridades para a Xunta. Deste xeito, e en paralelo a programas xa en marcha como Aprender da tradición, o novo Plan estratéxico de comercio de Galicia 2025-2030 seguirá poñendo o foco nesta liña de traballo, con iniciativas como as futuras bolsas de aprendices complementarias á devandita iniciativa. 

A artesanía e o comercio, motores do territorio

Así mesmo, José González lembrou tamén a capacidade de dinamización e atracción turística que desempeñan as iniciativas de emprendemento ligadas aos recursos do territorio, así como a artesanía e o comercio de proximidade, como demostran eventos como a Feira do Viño de Amandi. Nesta liña fixo referencia ao éxito da experiencia piloto Artesanía, saber e sabor, celebrada o pasado mes de decembro en Ribadavia e no que participaron máis dunha vintena de artesáns e obradoiros adheridos a Artesanía de Galicia. Esta cita foi a antesala dun proxecto máis amplo que se impulsará en 2025 baixo o nome Vilas Vivas. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de cascos históricos senlleiros para o desenvolvemento de eventos efémeros durante as fins de semana, ligando comercio, gastronomía, turismo e, por suposto, artesanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/04/2025