A Xunta promove en Vigo a formación especializada na cerámica

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro visitou o desenvolvemento do curso de Vidrados non tóxicos de alta temperatura para vaixelas, que se celebra en Vigo ata hoxe

Vigo, 13 de abril de 2025

A Xunta continúa coa súa aposta pola formación especializada para profesionais do sector artesán galego a través dun novo curso de formación no que participan 12 titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia, especializados na cerámica. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta semana o desenvolvemento do curso Vidrados non tóxicos de alta temperatura para vaixelas, que se desenvolve no obradoiro do ceramista Carlos San Claudio en Vigo ata hoxe, e está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia. 

Trátase dun curso de investigación de carácter teórico e práctico, no que as probas e as fornadas se alternan coas explicacións teóricas. O obxectivo é explicar os fundamentos básicos que lle permitirán aos ceramistas participantes aprender a realizar as súas propias bases de vidrados a partir de materias non tóxicas, comprendendo o comportamento e a función dos materiais e deducindo cales son os acabados máis estables e funcionais para as vaixelas. 

Esta formación está impartida por Ana Felipe Royo, artista plástica cunha dilatada traxectoria vinculada á cerámica e ao gravado, e que conta cunha ampla experiencia na investigación e na docencia. Ten traballado na recuperación dalgunhas técnicas decorativas cerámicas e investigado sobre as posibilidades e a aplicación para a plástica actual de técnicas coma o “reflexo metálico” e vidrados de baldosas de tradición árabe, a cocción do Rakú, a decoración a pincel e os métodos de formulación e estudo doutros vidrados cerámicos. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2025