Medio Rural aproba 12 novas normas técnicas dentro do selo de Artesanía Alimentaria
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se inclúen a manteiga, o vermú, os vinagres de viño e de sidra, os licores, augardentes e outras bebidas espirituosas, os zumes e o hidromel; así como o pan, as empanadas, as fariñas, as comidas preparadas e as conservas ou derivados da helicicultura
O selo de Artesanía Alimentaria contribúe á defensa do bo facer dos artesáns tradicionais e facilita a relación entre este tipo de produtores e os consumidores
En total son preto de 200 as persoas coa condición de artesás e 124 as empresas inscritas neste selo
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se aproban unha ducia de novas normas técnicas dentro do selo Artesanía Alimentaria. Cómpre sinalar que estes modelos recollen os requisitos que debe respectar un produto para poder ser considerado artesán.
As 12 novas normas que se suman ao repertorio de actividades reguladas para a Artesanía Alimentaria inclúen elaboracións como a manteiga, o vermú, os vinagres de viño e de sidra, os licores, augardentes e outras bebidas espirituosas; así como os zumes e o hidromel. Por outra banda, poderán contar tamén con este selo produtos como o pan, as empanadas, as fariñas e as comidas preparadas; así como as conservas e derivados da helicicultura -referida aos caracois comestibles-.
O selo de Artesanía Alimentaria é recoñecido polas empresas que elaboran estes produtos como unha importante vantaxe competitiva, e pode servir para mitigar a competencia desleal que lles realizan outras empresas operadoras que producen a gran escala e que publicitan os seus produtos como artesáns. A regulación tamén está a servir para facilitar ás persoas consumidoras a súa elección de compra cando o que buscan son produtos elaborados realmente conforme a métodos artesanais.
Estas empresas distribúense por toda a xeografía galega e teñen unha presencia moi importante no territorio do rural, polo que teñen unha gran importancia no impulso das economías locais, xa que desenvolven actividades de elaboración de alimentos con base en materias primas destas zonas. En total son preto de 200 as persoas coa condición de artesás e 124 as empresas inscritas neste selo.
Neste sentido, están vixentes as normas técnicas do queixo, o iogur, o requeixo e os xeados (dentro dos derivados lácteos), a dos derivados cárnicos (embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas e patés), a da sidra e a da cervexa. Tamén as das conservas vexetais (incluíndo as marmeladas), as dos produtos desecados de orixe vexetal, a do mel, a dos produtos de confeitaría, pastelaría, bolaría e repostería, a do chocolate e derivados do cacao, a dos produtos vexetais para infusión de uso en alimentación e como condimento de uso en alimentación e a do aceite de oliva.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250422/AnuncioG0426-140425-0001_gl.html.