A Xunta publica o lugar, data e hora dos exercicios da fase de oposición de diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional e de xestión e servizos
Están convocados 4.136 aspirantes aos exames que se realizarán no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, os días 10 e 11 de maio
Da totalidade dos admitidos, 2.702 son persoal sanitario de formación profesional e 1.434 persoal de xestión e servizos
O número total de prazas ofertadas é de 236
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se dá publicidade do lugar, data e hora da realización dos exercicios da fase de oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional e de xestión e servizos.
Nestes procesos selectivos ofértanse un total de 236 prazas. Corresponden a diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional 158, coa seguinte distribución: 8 para técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 16 para técnico superior en dietética, 13 para técnico superior en documentación sanitaria e 121 para técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.
Para persoal de xestión e servizos ofértanse 78 prazas, das cales 9 corresponden á categoría do grupo técnico da función administrativa, 26 ao grupo de xestión da función administrativa e 43 ao grupo auxiliar da función administrativa (prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual).
Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 4.136 aspirantes: 637 pola quenda de promoción interna, 3.200 pola quenda de acceso libre e 144 pola quenda de discapacidade xeral.
Na categoría do grupo de auxiliar administrativo, na cal se convocan prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, resultaron admitidas 155 persoas, das cales 8 accederon pola quenda de promoción interna por ter obtido anteriormente unha praza das mesmas características e cumprir os requisitos de acceso para poder acceder por esta quenda.
Da totalidade dos admitidos, 2.702 son persoal sanitario de formación profesional e 1.434 persoal de xestión e servizos.
A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico (1.640), seguida do grupo de xestión da función administrativa (909).
Do total de admitidos, preto do 94 % están exentos de realizar a proba de lingua galega por estar en posesión do correspondente certificado oficial acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galego que lle dá dereito a mencionada exención.
Días e horas
Todas as probas selectivas realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, os días 10 e 11 de maio.
O sábado 10 de maio, ás 9,30 horas, examinaranse 1.301 persoas que corresponden ás categorías do grupo de xestión da función administrativa e técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía.
O sábado 10 de maio, ás 16,00 horas, examinaranse as 409 persoas admitidas nas categorías do grupo auxiliar da función administrativa pola quenda de discapacidade intelectual e técnico superior en documentación sanitaria.
O domingo 11 de maio, ás 9,30 horas, examinaranse 1.640 aspirantes que corresponden á categoría de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.
O domingo 11 de maio, ás 16,00 horas, examinaranse as 786 persoas admitidas nas categorías do grupo técnico da función administrativa e técnico superior en dietética.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.
Protocolo das medidas organizativas
Non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas posto que acceden con QR.
A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e, que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.
Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.
Aspirantes xestantes e lactación
As aspirantes que desexen exercer o dereito de lactación terán á súa disposición unha sala habilitada para tal fin no exterior do recinto acondicionada con microondas, cambiador, etc. Tamén, se o precisa e solicita, poderá realizar a lactación durante a realización dos exercicios.
As aspirantes que precisen realizar a lactación materna durante os tempos dos exames disporán de tempo e lugar acondicionado para a lactancia. Deberán solicitar a súa realización ao enderezo oposicions@sergas.es antes do 30 de abril, agás nos casos de aspirantes que sexan nais mais alá do prazo indicado.
Neste último caso, así como no das profesionais en situación de embarazo que poidan estar ingresadas o mesmo día do exame e desexen acollerse ao previsto no punto 8.1 das bases das convocatorias (exame no centro hospitalario), deberán poñerse en contacto coa dirección de oposicions@sergas.es para que lle informen do procedemento.
Está habilitado un enderezo de correo electrónico ao que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es.