Medio Rural salienta o incremento das axudas para o fomento do uso de maquinaria agrícola en común
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe á XXXIV Festa do Champiñón que se celebra nesta localidade coruñesa e que inclúe unha exposición de maquinaria agrícola e unha feira de artesanía, entre outros eventos
Lembrou que a ampliación do crédito destas subvencións, formalizada esta mesma semana, permitiu chegar ata os 2,64 millóns de euros e destacou que teñen unha incidencia moi positiva na redución de custos de produción para as cooperativas
Ordes (A Coruña), 26 de abril de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor as axudas da Xunta para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, cuxa dotación para 2025 acaba de ampliar o Goberno galego esta mesma semana, ata chegar aos 2,64 millóns de euros.
A conselleira achegouse hoxe ata Ordes, para asistir á XXXIV Festa do Champiñón, que inclúe no seu programa de actos unha exposición de maquinaria agrícola e unha feira de artesanía. Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo alcalde da localidade, José Luis Martínez Sanjurjo, a titular de Medio Rural salientou a importancia destas achegas para fomentar o uso de maquinaria.
Neste acto, Gómez remarcou ademais que estas subvencións están destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) e supoñen para elas unha importante redución de custos de produción.
Así mesmo, a conselleira explicou que os obxectivos destas axudas, ademais de promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, pasan tamén por fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego.
A Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas dende 2016 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de máis de 34 millóns de euros, subliñou Gómez, quen enmarcou estas subvencións na aposta xeral da Xunta a prol do cooperativismo, por un lado, e da modernización do sector primario, por outro.
A Festa do Champiñón de Ordes acada este ano a súa trixésimo cuarta edición e supón un elemento dinamizador do agro na bisbarra, tal e como sinalou tamén a conselleira durante esta visita. Engadiu que a localidade coruñesa é un referente pola súa clara vocación agrogandeira, que se pon de manifesto, entre outras razóns, coa celebración de eventos deste tipo.