A Xunta destaca en Ourense o valor da artesanía na dinamización comercial e cultural das vilas e cidades galegas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na inauguración da XXVIII edición da Feira de Artesanía de Ourense
Celebraráse ata o domingo 4 de maio no Parque de San Lázaro e está organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense coa colaboración da Xunta
Na feira participan un total de 15 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, no coiro, na cestería, no bordado, na bixutería, nos instrumentos musicais, no papel, nos arranxos florais e no téxtil
Ourense, 26 de abril de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na inauguración da XXVIII Feira de Artesanía, que se celebra no Parque de San Lázaro ata o domingo 4 de maio. O evento está organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense e conta coa colaboración da Xunta.
Gabriel Alén, destacou o valor deste tipo de actividades de comercialización e de divulgación dos nosos oficios artesanais na posta en valor da marca Artesanía de Galicia e na dinamización comercial e cultural das nosas vilas e cidades.
Nesta edición participan como expositores 10 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na bixutería, no manipulado de papel e no téxtil, en concreto, Paznavas (A Coruña), Amorei (Soutomaior), Mario López (Xoiería), Suso Calo - Lobo Tolo (Moaña), Luciérnaga (Barbadás), Chueco (A Coruña), Silvereira (Ames), María Aba (Ourense) e A Sariña Maquinando (Lugo).
Na programación deste ano inclúense tamén obradoiros de diferentes oficios, entre os que se atopa o de cestería que hoxe imparte Julia de la Cal, de La Parabólica, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024. Mañá domingo celebrarase un obradoiro de arte en papel a cargo de Mioco, o venres 2 de maio Marcos Domato amosará como se constrúe unha guitarra clásica, o sábado 3 Minia Banet de Variopinto impartirá un obradoiro de bordado sobre fotografía en papel, e o domingo 4, Sonia Álvarez de Olueis ofrecerá un obradoiro de arranxos florais.
O horario de apertura da feira é de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 h. a 21,00 h., e na programación de actividades inclúense tamén actuacións musicais e un sorteo diario de pezas artesás.