A Xunta e o Colexio de Xornalistas avanzan na elaboración dunha guía de boas prácticas sobre o tratamento informativo da conduta suicida

A guía está a ser elaborada coas achegas dun grupo de traballo formado por profesionais da psiquiatría, da psicoloxía e da comunicación

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2025

A Consellería de Sanidade acolleu a segunda reunión do grupo de traballo ‘Saúde mental e comunicación’ que puxeron en marcha a Xunta e o Colexio de Xornalistas co obxectivo, entre outros cometidos, de elaborar unha guía de boas prácticas sobre o tratamento informativo da conduta suicida.

Ao encontro asistiu a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, xunto aos membros do grupo de traballo. Este grupo está integrado por psicólogas da subdirección xeral, profesionais da psicoloxía clínica, psiquiatría, divulgación científica e xornalismo.

Este proxecto forma parte do obxectivo da Consellería de Sanidade de contribuír á sensibilización e desestigmatización social das enfermidades de tipo mental.

En particular, o primeiro tema a tratar é a conduta suicida por ser unha das principais causas de morte non natural no noso país e un problema de enorme complexidade que require dun enfoque multidisciplinar e da implicación do conxunto dos axentes sociais.

O Servizo Galego de Saúde e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia traballan neste documento de boas prácticas co fin de achegar ás redaccións dos medios de comunicación recomendacións destinadas á elaboración de informacións relacionadas coa conduta suicida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2025