O director de Augas de Galicia participou na presentación desta ferramenta ante máis dun cento de representantes de concellos galegos

A Xunta impulsa un rexistro de aglomeracións urbanas para mellorar a planificación dos servizos de saneamento e depuración e garantir un control efectivo da calidade das augas

Este instrumento permite definir e actualizar as unidades territoriais sobre as que se estrutura a prestación destes servizos e permitirá mellorar o coñecemento técnico das infraestruturas de tratamento de auga existentes e avanzar na súa ordenación

Roi Fernández salienta que este rexistro é clave para cumprir cos obxectivos da Lei de mellora do ciclo integral da auga de Galicia e da Directiva sobre o tratamento das augas residuais urbanas e afrontar os desafíos actuais e futuros neste eido

Esta ferramenta facilitará a planificación e execución de actuacións baseadas en datos o máis actualizados posible, mellorando a coordinación entre administracións e operadores e optimizando a avaliación e seguimento das metas ambientais

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participou hoxe na presentación ante máis dun cento de representantes de concellos galegos do Rexistro oficial de aglomeracións urbanas da comunidade co fin de definir e actualizar as unidades territoriais sobre as que se estrutura a prestación dos servizos de saneamento e depuración á cidadanía. Esta ferramenta permitirá mellorar o coñecemento técnico das infraestruturas de tratamento de augas existentes, avanzar na súa ordenación e garantir un control efectivo da súa calidade.

O responsable do organismo autonómico destacou que este rexistro é fundamental para cumprir cos obxectivos tanto da Lei de mellora do ciclo integral da auga de Galicia como da Directiva sobre o tratamento das augas residuais urbanas e afrontar os desafíos actuais e futuros no ámbito do saneamento e da depuración.

De feito, incidiu, trátase dun instrumento operativo imprescindible para articular a acción administrativa neste contexto normativo sobre o tratamento das augas facilitando a planificación e execución de actuacións baseadas en datos o máis actualizados posible, mellorando a coordinación entre administracións e operadores e optimizando a avaliación e seguimento dos obxectivos ambientais.

Roi Fernández salientou que tanto este novo rexistro como o Plan xeral galego de saneamento e a implantación da nova directiva europea contribuirán a unha transformación profunda da política de saneamento da comunidade. Neste sentido, a prioridade xa non será só construír novas infraestruturas senón garantir o seu correcto funcionamiento, a súa eficiencia e a integración co medio natural e o territorio.

Un escenario no que, incidiu ante os concellos, é fundamental a cooperación institucional, polo que Augas de Galicia vai seguir apoiando ás entidades locais ofrecendo soporte técnico e económico no exercicio das súas competencias para impulsar un modelo de xestión sostible asegurando a calidade ambiental das augas.

Esforzo continuo

O representante da Xunta puxo en valor o labor continuado e sistemático do Executivo galego nos últimos anos para a mellora dos sistemas de saneamento e depuración tanto desde o punto de vista da planificación como da execución e explotación de infraestruturas. Entre eses traballos destacan a posta en marcha e actualización dos plans de saneamento -Galicia conta cunha rede estruturada que dá cobertura á totalidade das aglomeracións urbanas de máis de 2.000 habitantes equivalentes-, a elaboración de plans de saneamento locais en áreas especialmente sensibles, a xestión directa dunha trintena de instalacións de depuración e o control da explotación doutras 120 instalacións municipais ou o reforzo do control dos vertidos, entre outras cuestións.

Todo isto enmárcase na estratexia de Augas de Galicia en materia de saneamento e depuración, que ten como obxectivo principal garantir o acceso deste servizo a toda a poboación galega -incluíndo os núcleos rurais e dispersos- e reducir o impacto no medio ambiente dos sistemas de tratamento da auga, mediante un enfoque preventivo, eficiente e integrado de todas as actuacións.

Con este fin, o Executivo galego traballa en distintas liñas de actuación que buscan acadar a sostibilidade económica, a capacidade técnica e gobernanza, a eficiencia e innovación -mediante o fomento da eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais (EDAR), sistemas descentralizados nos territorios dispersos, prevención de infiltracións e vertidos- así como a integración cos obxectivos ambientais e climáticos mediante a aposta pola economía circular, as infraestruturas verdes e unha planificación urbana sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025