A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación do I Consello Asesor de Stonegal 2025

Lorenzana chama a sumar esforzos para reforzar o liderazgo de Galicia como referente na produción de pedra natural en España

Explica que o Consello Asesor é un “verdadeiro exemplo” de colaboración público-privada” no ámbito deste sector

Ademais, sinala que servirá para impulsar a Feira que se celebrará o vindeiro mes de xuño e que reunirá a máis de 150 empresas e profesionais

Vigo, 30 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, chamou hoxe a sumar esforzos para mostrar as capacidades de Galicia e reforzar o posicionamento da Comunidade como líder na produción de pedra natural en España.

Lorenzana asistiu en Vigo á presentación do I Consello Asesor de Stonegal 2025 que cualificou de "verdadeiro exemplo” de colaboración público privada ao redor dun sector tan relevante en Galicia “como é o da pedra natural”, dixo. Segundo explicou, este Consello Asesor vai dar impulso á Feira que reunirá o vindeiro mes de xuño a máis de 150 empresas e profesionais dunha ducia de países e que, “estou segura que contribuirá a reivindicar Galicia como un referente do sector”, apuntou.

Na súa intervención a conselleira subliñou a importancia de “aproveitar o momento e o lugar” pois “estamos nun contexto no que os minerais estratéxicos se volveron imprescindibles” para a autonomía estratéxica dos países, e ademais, Galicia ten un potencial mineiro excepcional “e temos que saber aproveitalo”.

Así, sinalou que a Comunidade é líder en España, tanto en produción de lousa como de granito; a metade das explotacións de lousa ornamental do país están en Galicia; e que “somos a Comunidade Autónoma con maior valor de produción de pedra ornamental, cun 41,16 % do total nacional, é dicir, 452 millóns de euros”, destacou.

Finalmente, María Jesús Lorenzana puxo en valor que esta feira será unha gran plataforma para visualizar a importancia do sector en Galicia; para intercambiar coñecementos e potenciar o modelo de desenvolvemento sustentable desta industria que vai xerar riqueza e benestar para as empresas e a cidadanía; e para potenciar o talento e a formación e crear emprego de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025