A Xunta celebra que o concello e a deputación provincial se adhiran á súa proposta para ampliar a protectora de animais de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, mantivo un encontro co presidente da entidade, Alberto Losada, e destacou que o Goberno galego foi o primeiro en ofrecer financiamento e sempre apostou por manter a localización actual 

Lugo, 30 de abril de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, celebra que o Concello e a Deputación Provincial se adhiran á proposta da Xunta para ampliar e mellorar as actuais instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas na capital.

Arias mantivo un encontro co presidente da entidade, Alberto Losada, no que destacou que a Xunta liderou este proxecto desde o primeiro momento, apostou sempre por acondicionar o recinto actual, e foi a primeira en ofrecer un terzo do financiamento necesario para as obras.

Ao respecto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprometeuse o pasado mes de  marzo a achegar a terceira parte do custo total, e apelou á necesaria implicación do Concello de Lugo e da Deputación Provincial para ampliar e modernizar as dependencias da Protectora.

O delegado considera que “este foi un paso adiante decisivo, na dirección que querían os propios interesados e que parece a máis oportuna, para que o proxecto por fin avance cara a súa materialización”. 

Ademais, sinalou que o Goberno galego sempre avogou por manter o servizo no seu emprazamento de Muxa, en sintonía coa preferencia da propia organización, en lugar de trasladalo a San Xoán de Pena como defendía o Concello de Lugo.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025