O delegado territorial da Xunta supervisa as obras de humanización da praza de Picoutiños de Nogueiró, no concello de Cartelle
Manuel Pardo destacou que a Xunta está a investir preto de 96.000 euros na construción de novos pavimentos en formigón armado e na instalación de diverso mobiliario urbano como novos bancos de fundición e madeira, papeleiras, unha fonte de fundición e un cubrecontedor de lixo
O delegado territorial puxo en valor a importancia do Plan Hurbe porque tenta dar resposta a un obxectivo prioritario como mellorar os equipamentos e dotacións das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma
Salientou Manuel Pardo que desde 2010 mobilizáronse ao abeiro desta iniciativa preto de 170 millóns de euros froito do desenvolvemento de máis de 420 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos
Ourense, 05 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Jaime Sousa, supervisou esta mañá as obras de humanización da praza de Picoutiños, no concello de Cartelle, nas que a Xunta está a investir preto de 96.000 euros.
O delegado territorial explicou que o obxectivo desta actuación é renovación do pavimento e mellora das infraestruturas municipais deste espazo público do núcleo de Nogueiró, na parroquia de Santa María do Mundil.
Manuel Pardo puxo en valor a importancia do Plan Hurbe porque tenta dar resposta a un obxectivo prioritario como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, có fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación có fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma”.
Nesta liña de traballo en colaboración cos concellos, subliñou Manuel Pardo , “dende o Goberno galego consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes”.
E lembrou que desde 2010 mobilizáronse ao abeiro desta iniciativa preto de 170 millóns de euros froito do desenvolvemento de máis de 420 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.
As obras
O proxecto propón a colocación de tubos PVC para o soterrado la rede de iluminación pública, engadido de cinta sinalizadora; a construción de 2 arquetas e dotación de balizas encaixadas e a construción de novos pavimentos en formigón armado.
Tamén se está a traballar na recuperación da cota natural do terreo nas entradas, onde o pavimento quedou sobreelevado, e na instalación do diverso mobiliario urbano como novos bancos de fundición e madeira, papeleiras basculantes de chapa de ferro zincado, unha fonte de fundición e un cubrecontedor de lixo.