A Xunta presenta en Santiago de Compostela unha nova unidade didáctica do proxecto ‘Artesanía na Escola’

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou hoxe no CEIP Pío XII na presentación da segunda das unidades didácticas deste proxecto que busca achegarlle os oficios artesanais a escolares de primaria

Eu son artesán de percusión tradicional amosa, a través da figura de Xosé Manuel Sanín, a historia dun dos instrumentos tradicionais de Galicia, a pandeireta

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no CEIP Pío XII na presentación da segunda das unidades didácticas do programa divulgativo Artesanía na Escola —impulsado polo Executivo galego— co obxectivo de achegar os oficios artesanais e os  seus valores aos máis pequenos. Eu son artesán de percusión tradicional, céntrase na historia e elaboración da pandeireta, un dos instrumentos tradicionais e máis recoñecidos de Galicia a través da figura do artesán Xosé Manuel Sanín, titular do obradoiro artesanal Sanín Percusión Tradicional.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa entre as alumnas e alumnos dos centros participantes, quenes amosan gran interese, especialmente durante as demostracións dos profesionais do sector. Así mesmo, salientou a importancia de iniciativas como Artesanía na escola, que poñendo o foco nos oficios tradicionais e a través de unidades didácticas centradas nun oficio artesanal concreto, ensinan aos máis novos as posibilidades futuras destes traballos e fomentan a concienciación dos valores da artesanía como patrimonio cultural.

Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos

Con esta iniciativa, búscase divulgar os oficios artesanais, poñendo en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos, divulgando os vellos saberes e amosando os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea ligada a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular.

A primeira das unidades didácticas —desenvolta nos centros escolares o pasado curso 2023-2024—, dedicouse ao oficio tradicional da elaboración de zocos a través da figura de Elena Ferro, e estase a traballar nesta edición  noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica e na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025