A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde o convenio que permitirá abordar estes traballos de humanización

A Xunta colabora co Concello de Mondoñedo na mellora da accesibilidade da rúa Rocha de Vélez, incluída na Área Rexurbe, que conta cun investimento de case 315.000€

A intervención, ao abeiro do Plan Hurbe, permitirá mellorar a accesibilidade á zona dos Castros desde a rúa Rocha de Vélez, facilitando o acceso a vehículos e peóns nunha soa dirección de maneira segura

De acordo ao convenio, a Xunta asume o 70% do orzamento, algo máis de 220.000 euros, e contratará e executará as obras

Pola súa banda, o Concello achega o 30% restante e realizará as xestións para posibilitar a execución das obras, que incorporará ao patrimonio público municipal

O Goberno galego segue a cooperar con concellos na mellora das contornas urbanas, de accesibilidade e supresión das barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos no obxectivo da revitalización do territorio e o reequilibrio territorial

A rúa Rocha de Vélez forma parte tamén do ámbito da Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira declarada en Galicia no ano 2020

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, o convenio que permitirá abordar as obras de mellora da accesibilidade da rúa Rocha de Vélez, que suporán un investimento de case 315.000 euros (314.661 euros).

O convenio enmárcase no Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.

A actuación que se vai executar sitúase na delimitación do Plan especial de protección e reforma interior da vila de Mondoñedo, na zona dos Castros, e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade á esta contorna desde a rúa Rocha de Vélez, a fin de permitir o acceso a vehículos e peóns nunha soa dirección de maneira segura, e revisando as aliñacións de muros parcialmente derrubados preto da antiga N-634.

Ademais, a intervención inclúe o soterrado das instalacións de alumeado público, baixa tensión e telecomunicacións.

A rúa Rocha de Vélez forma parte tamén do ámbito da Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira declarada en Galicia no ano 2020, e que comprende o conxunto histórico de Mondoñedo e unha zona contigua de características similares (rúa Álvaro Cunqueiro e San Roque e parte alta da estrada dos Remedios).

Convenio

O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, cun investimento de 220.262 euros, e contratará e executará as obras.

Pola súa banda, o Concello de Mondoñedo achegará o 30% restante do custo das actuacións, 94.398 euros, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

A través de liñas de colaboración cos concellos como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2025