Román Rodríguez subliña a visibilidade que dán á I+D+i galega figuras como o Nobel Kip Thorne

O conselleiro de Ciencia asiste á conferencia deste científico enmarcada no programa ConCiencia de divulgación científica

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliñou hoxe a visibilidade que dá á I+D+i galega a visita do Premio Nobel de Física 2017 Kip Stephen Thorne, para posicionar a Galicia na esfera internacional como un lugar atractivo para desenvolver unha carreira científica ou colaborar cos axentes galegos da I+D+i. Fíxoo durante unha conferencia deste físico, organizada no marco do programa ConCiencia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Consorcio de Santiago.

O representante do Goberno galego, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, fixo fincapé na importancia de atraer e reter talento investigador en Galicia, unha das principais liñas de traballo do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. 

“O programa ConCiencia é un bo exemplo de como tender pontes entre a investigación galega e o talento máis destacado da ciencia internacional”, sinalou.  Tamén aplaudiu a traxectoria de Kip Thorne, “un exemplo de bo facer”, dixo sobre o Premio Nobel cuxos avances fixeron posible a primeira detección directa de ondas gravitacionais a través do detector LIGO, un fito que confirmou unha predición formulada por Albert Einstein hai máis dun século. 

Data de actualización: 09/05/2025