O presidente participa nunha mesa redonda xunto cos seus homólogos asturiano e castelán e leonés para reflexionar sobre a situación económica e social das tres Comunidades
Rueda destaca no Foro do Noroeste a necesidade de respostas compartidas aos retos comúns de Galicia, Asturias e Castela e León
Fai fincapé na importancia dunha conectividade eficaz para o desenvolvemento do territorio, incluíndo a finalización da saída sur ferroviaria Vigo-Oporto.
Reivindica unha transición enerxética xusta, ademais da necesidade de conectar Galicia á rede eléctrica para iniciativas industriais estratéxicas
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no Foro do Noroeste, un encontro organizado por Prensa Ibérica que reuniu aos máximos responsables de Galicia, Asturias e Castela e León para abordar desafíos comúns desde a cooperación institucional e a vontade construtiva.
Rueda salientou ante Adrián Barbón e Alfonso Fernández Mañueco que as tres Comunidades comparten unha realidade semellante en eidos clave como o reto demográfico, a dispersión territorial e a necesidade de reforzar infraestruturas e conexións que garantan a igualdade de oportunidades para os seus habitantes.
O xefe do Executivo galego fixo fincapé na importancia dunha conectividade eficaz para o desenvolvemento do territorio: “Hai que poñer todos os recursos para resolver o déficit de infraestruturas que temos. Se non, corremos o risco de que a ameaza das dúas Españas sexa unha realidade”, destacou. Ademais, lembrou que Galicia segue sufrindo déficits importantes na rede ferroviaria. Igualmente, reclamou unha solución inmediata para a A-6 e unha mellor conexión Lugo-León, así como a finalización da saída sur ferroviaria Vigo-Oporto.
No ámbito demográfico, destacou que o envellecemento e a dispersión son desafíos estruturais que deben abordarse dende o territorio. Puxo como exemplo de boa práctica a Estratexia Retorna, as axudas á natalidade e conciliación e o acceso á vivenda para a mocidade en contornos rurais e periurbanos: “Non podemos renunciar a medidas que incentiven que cada vez naza máis xente aquí, á vez que miramos cara ao exterior”, salientou.
Rueda tamén reivindicou unha transición enerxética xusta, que respecte o tecido industrial e as zonas afectadas polo peche de instalacións como As Pontes ou Meirama. Subliñou o liderado de Galicia nas renovables (cun 84,6% do consumo eléctrico procedente destas fontes) e reclamou unha ordenación xusta para a eólica mariña e conexión á rede eléctrica para iniciativas industriais estratéxicas. “O mix enerxético necesita de todas as fontes ben combinadas”, subliñou o presidente.
En materia turística, fixo referencia aos récords acadados en 2024, con máis de 8 millóns de viaxeiros e preto de 14 millóns de pernoctacións. Alertou contra a turismofobia, e defendeu un turismo responsable como ferramenta de benestar e cohesión: “Hai que seguir crecendo, e hai que ter coidado con esas reaccións de turismofobia, que non fan ningún ben”, advertiu. Ademais, apostou pola promoción conxunta de itinerarios turísticos do Noroeste baseados en valores comúns como a sustentabilidade, a autenticidade e a descentralización.
Finalmente, no referido ao financiamento, Rueda salientou que é de todos, debe decidirse entre todos: “Desde o Goberno do noso país quérese institucionalizar que se poida falar bilateralmente con algúns e logo xa cos demais, e se se fai iso rompe a igualdade”, apuntou. Neste sentido, reivindicou un novo modelo que teña en conta o custo real dos servizos nos territorios con dificultades demográficas e xeográficas, e que recoñeza o esforzo fiscal e a boa xestión das Comunidades cumpridoras. Galicia, sinalou, está preparada para asumir novas competencias (como a formación sanitaria especializada ou os permisos de traballo) sempre que veñan acompañadas dos recursos necesarios.