A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade visitou o mercado circular que se celebra esta fin de semana na cidade
A Xunta salienta a alta participación no mercado do Tinglado da Coruña como exemplo do compromiso da cidadanía co consumo responsable e a reciclaxe
140 particulares expoñen os artigos que queren vender en Palexco cun horario de atención ao público entre as 10,30 e as 14,00 horas e entre as 16,00 e as 20,30 horas
Esta iniciativa enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido
A Coruña, 17 de maio de 2025
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, salientou hoxe a alta participación no mercado de segunda man do Tinglado da Coruña como exemplo do compromiso da cidadanía co consumo responsable e a reciclaxe.
Durante a súa visita a este mercado circular que celebra na Coruña a súa terceira edición, logo das organizadas no Nadal na cidade de Vigo e o pasado febreiro en Ferrol, a directora xeral apostou por avanzar na redución dos residuos que se xeran, cambiar a forma de consumir e apostar por produtos de calidade que duren no tempo e poidan ter moitas vidas, incluso pasando por diferentes mans.
Para iso destacou a importancia de iniciativas como esta, que se celebra ao longo desta fin de semana no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), e onde a cidadanía ten a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración- para darlles un segundo uso a eses obxectos.
En concreto, esta nova edición do Tinglado permite que ata 140 particulares -70 cada día- teñan á súa disposición expositores de catro metros cadrados co mobiliario necesario para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público será de 10,30 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,30 h.
Plan de residuos municipais
A celebración do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas tanto de produción como de subministración.
Co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.