Xunta e concello de Pontedeume avanzan no futuro desenvolvemento de novo solo industrial
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo un encontro co alcalde do municipio, Bernardo Fernández, no que aproveitou para explicarlle as novas medidas de aceleración de solo industrial impulsadas polo Goberno galego
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reuniuse esta mañá co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, para abordar as posibilidades de desenvolvemento de solo industrial neste municipio.
No encontro, a directora xeral aproveitou para trasladarlle ao rexedor que a Xunta continúa avanzando na súa estratexia de facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia e ampliar as que xa están instaladas, e no proceso de desenvolver solo industrial nos concellos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias. Trátase de ter un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda Galicia.
Nesta liña, explicoulles que o Executivo autonómico puxo en marcha figuras de creación de solo, como é o caso da Zona de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes), co obxecto de dar axilidade e facilidade a aqueles proxectos que precisan solo de maneira urxente; e as Zonas industriais rurais (ZIR) pensadas para actividades industriais de menor envergadura localizadas en áreas rurais con necesidades de solo.