A Xunta e o Clúster de Turismo reforzan o seu labor a prol da promoción da calidade alimentaria galega
A conselleira do Medio Rural reuniuse esta tarde con responsables do Clúster para avanzar na colaboración entre ambas as dúas partes
Na xuntanza, na que tamén participaron os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e de Turismo de Galicia, avaliouse a cooperación e as sinerxías existentes entre a oferta turística e os produtos de calidade diferenciada do agro galego
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes do Clúster de Turismo de Galicia.
O encontro serviu para estreitar os lazos de colaboración entre a Xunta e a dita entidade a prol do desenvolvemento do rural galego, especialmente en ámbitos como a promoción da calidade alimentaria, moi ligada á oferta turística da Comunidade autónoma.
A conselleira puxo en valor, precisamente, a vinculación existente entre o turismo e as producións agroalimentarias de Galicia, así como as sinerxías que existen entre ambos eidos e que conflúen en ámbitos como o da promoción. Neste sentido, sinalou que a oferta gastronómica galega constitúe un dos principais atractivos para os turistas en Galicia e, ao tempo, a afluencia de visitantes contribúe tamén a expandir o consumo dos produtos do agro e ao seu coñecemento máis aló das fronteiras da Comunidade.