A Xunta apoia a primeira temporada de concertos do novo proxecto musical da Banda Filharmónica de Vigo

A delegada territorial, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, participaron na presentación da programación da nova agrupación para este 2025

“A tradición das bandas musicais de Vigo son sen dubida a mellor base sobre a que levantar este marabilloso proxecto, sinalou Ortiz

“A programación será un éxito e a confirmación de que o camiño iniciado e decembro foi o adecuado”, apuntou Sánchez.

A Banda Filharmónica de Vigo ofrecerá este ano tres concertos, cada un deles conducido por un mestre de prestixio internacional

Vigo, 20 de maio de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz,  participou este martes xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, na presentación do programa de concertos da Banda Filharmónica de Vigo. O acto, celebrado no sede viguesa da institución provincial, serviu para anunciar o novo proxecto da agrupación musical que naceu o pasado mes de decembro da man dun grupo de músicos con longos anos de experiencia no mundo das bandas de música populares e en diferentes conservatorios.

“A tradición das bandas musicais de Vigo, non só en cantidade, senón tamén en calidade, así como a existencia dun Conservatorio Profesional, son sen dubida a mellor base sobre a que levantar este marabilloso proxecto”, sinalou Ana Ortiz durante a presentación. Pola súa banda, Luisa Sánchez destacou a aposta da Banda Filharmónica de Vigo pola “música tradicional” e lembrou o éxito da súa presentación en San Miguel de Oia. “Estou segura de que a programación que hoxe presentades será a confirmación de que o camiño iniciado é o adecuado”, engadiu.

Juan Carlos Díaz Álvarez, director da banda e da orquestra do Conservatorio Superior de Música de Vigo, foi o encargado de presentar os tres concertos que se celebrarán este ano como primeira temporada do novo proxecto. “Despois do concerto de presentación, pretendemos consolidar o proxecto da Banda Filharmónica, tanto como agrupación, como mostra da calidade dos músicos do sur de Galicia, e para iso haberá tres encontros, cada un deles conducido por un mestre de prestixio internacional”, sinalou.

Concerto de Primavera: Bailando ao vento

O primeiro destes encontros terá lugar entre o 31 de maio de 2025, e terá como director invitado a José Rafael Pascual-Vilaplana, director e compositor natural de Muro (Alacante) que na actualidade é director musical da Banda Municipal de Barcelona e da Banda Municipal de Bilbao. É un dos maiores referentes actuais na dirección de banda en España e en Europa.

Data: 31 de maio de 2025

Lugar: Auditorio do Centro Cultural de San Miguel

Hora: 19:00

Concerto de Outono: A conexión belga

O segundo encontro desenvolverase baixo a batuta do director belga Bart Picqueur, director da Koninklijke Harmonie Ste-Cecilia de Zele, ademais de recoñecido compositor. O programa para este concerto aínda está por determinar, pero consistirá nun monográfico da música do propio mestre Bart Picqueur, que ten unha relación moi estreita con Galicia xa que participou en varios proxectos na nosa terra con diferentes agrupacións.

Data do concerto: 20 de setembro de 2025

Lugar: Auditorio do Centro Cultural de San Miguel

Hora: 19:00

Grandes Mestres: Johan de Meij

En novembro de 2025 celebrarase o terceiro e último encontro da tempada, no que a batuta convidada será o prestixioso compositor Johan de Meij, un dos máis grandes referentes mundiais da música de banda. As súas obras son interpretadas e gravadas por bandas de todo o mundo e, desta vez, será a cidade de Vigo a testemuña da calidade da súa música, xa que o concerto que dirixirá consistirá nun monográfico da súa propia obra.

Data do concerto: 29 de novembro de 2025

Lugar: Auditorio do Centro Cultural de San Miguel

Hora: 19:00

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/05/2025