Medio Rural salienta a acollida do matadoiro móbil de Galicia con máis de 200 servizos no seu primeiro ano de funcionamento

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou o matadoiro móbil que está a colaborar nos preparativos da XIX Festa do Carneiro ó Espeto de Feás, en Aranga

Esta iniciativa, pioneira en España, levou a cabo 210 intervencións e deu cobertura a 116 explotacións gandeiras de porcino, ovino e cabrún situadas en localidades que se atopan máis afastadas dos matadoiros convencionais

Aranga (A Coruña), 27 de maio de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria, José Balseiros, visitou hoxe o matadoiro móbil da Consellería do Medio Rural que está a colaborar nos preparativos da XIX Festa do Carneiro ó Espeto de Feás (Aranga), que se celebrará o vindeiro 31 de maio.

Neste sentido, salientou a boa acollida deste servizo público pioneiro en España,  que ao longo do seu primeiro ano en funcionamento levou a cabo 210 intervencións e deu cobertura a 116 explotacións gandeiras de porcino, ovino e cabrún situadas en localidades que se atopan máis afastadas dos matadoiros convencionais. O obxectivo desta iniciativa é o de cubrir as demandas do sector, minimizando os desprazamentos dos animais para o seu sacrificio, incrementando a rendibilidade na comercialización dos seus canais e reducindo os seus custos.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural segue a traballar para mellorar este servizo e por iso, ao longo deste ano, entrará en funcionamento a sala de despezamento instalada na base loxística da unidade en Chantada. Con ela, ofertarase ás persoas titulares das explotacións a posibilidade de obter os produtos cárnicos xa despezados, clasificados e mesmo envasados, para facilitar a súa comercialización.

A maiores, tamén se disporá dun laboratorio de diagnóstico e control de triquina que reforza a seguridade alimentaria, a autonomía operativa do servizo e a axilidade na xestión sanitaria das carnes obtidas, especialmente nun contexto de actuación en zonas rurais cunha limitada infraestrutura analítica.

O servizo do matadoiro móbil pode solicitarse no teléfono 982 25 12 01, operativo de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, ou vía web mediante a cobertura dun formulario dispoñible na Oficina Virtual de Medio Rural: https://ovmediorural.xunta.gal/es/tramites/matadoiro-mobil. Unha vez recibidas as solicitudes, trázanse as rutas nas que se dará servizo ás explotacións gandeiras que o precisen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2025