Belén do Campo anuncia a licitación das obras de reforzo de firme na estrada AC-214 nos concellos de Cambre e Bergondo que conta cun orzamento de máis de 806.000 €
Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, de acondicionamento do firme nun total de 6 estradas autonómicas que pasan tamén polos municipios Abegondo, Betanzos, Carral, Cerceda, Curtis, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar cun investimento de máis de 3,3 millóns de euros
A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria
Cambre (A Coruña), 28 de maio de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se levará a cabo a reposición do firme na AC-214 ao seu paso polo concello de Cambre e Bergondo. Concretamente, en varios treitos dende o punto quilométrico. 1+650 ao 7+300 no concello de Cambre, e do punto de Guísamo (N-VI) - Sigrás (N-550), dende o punto quilométrico 0+000 ao 1+650 en Bergondo. En total ao redor de 7,3 quilómetros.
A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos, que se licitan hoxe, contan cun orzamento de máis de 806.000 euros e consisten en levar a cabo, nas zonas nas que sexa necesario intervir na estrutura do firme existente (rodeiras, afundimentos ou fisuras), un fresado cun espesor de 5 cm e reposición do mesmo con asfalto. Nos treitos nos que non se considera necesaria unha actuación maior levarase a cabo a regularización das zonas máis deterioradas, fundamentalmente rodeiras con asfalto en quente e recrecido do firme con 5 cm de espesor a calzada completa.
Ademais, en treitos nos que se detecta un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos realizaranse fresados en cuña desde o límite da actuación cun ancho de 2 m e a reposición de 5 cm en ancho de carril completo.
A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que abarca un total de 6 estradas autonómicas, nas que se inclúe a estrada AC-214 ao seu paso por Cambre e Bergondo, e outras 5 máis da provincia da Coruña (AC-840, AC-223, AC-400, AC-190 e AC-231) que pasan polos municipios Abegondo, Betanzos, Carral, Cerceda, Curtis, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar, cun investimento de máis de 3,3 millóns de euros e benefician a unha poboación de preto de 115.861 habitantes dos 12 concellos aos que lle beneficiaran as obras. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público e teñen un prazo de execución de 4 meses.
Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.
Belén do Campo destacou que esta intervención forma parte do esforzo da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria. Neste senso a delegada salientou o compromiso da Administración autonómica en materia de conservación de estradas e seguridade viaria, á que se destinan este 2025 un total de 68 millóns de euros.