O programa Masterchef pon en valor o Camiño de Santiago e o Patrimonio do Interior de Galicia
O espazo foi gravado o pasado mes de marzo no Mosteiro de Oseira e conta coa colaboración dos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia
Os aspirantes elaborarán un menú con produtos da zona que degustarán 60 peregrinos
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2025
O talent culinario MasterChef que La 1 e RTVE emitirá o vindeiro luns ás 22.30 horas amosará os atractivos naturais e patrimoniais do Mosteiro de Oseira, despois de que se gravase neste espazo o pasado mes de marzo, co apoio de Turismo de Galicia. Este enclave de enorme valor patrimonial atópase no Camiño Mozárabe-Vía da Prata e no que vai de ano máis de 3.000 peregrinos xa fixeron esta ruta.
A gravación do talent culinario producido por RTVE en colaboración con Shine Iberia serviu para promocionar o Camiño de Santiago, ademais doutros atractivos turísticos paisaxísticos e patrimoniais do interior de Galicia, concretamente da comarca do Carballiño, xunto coa gastronomía e os produtos locais.
Concretamente, os aspirantes do concurso elaborarán un menú con produtos da zona que degustarán 60 peregrinos. Como é habitual, o programa gravado en Galicia tamén contou coa participación dos televisivos xuíces gastronómicos Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nágera.
Con esta acción, Turismo de Galicia está a promocionar o Camiño de Santiago, especialmente a ruta Mozárabe-Vía da Prata, a de maior percorrido con 213,1 km, que conta ademais, ao seu paso por Oseira, cun albergue de peregrinos da Rede Pública do Xacobeo.
A emisión do talent culinario MasterChef súmase a outras moitas dentro da planificación de promoción do destino galego que a Xunta leva a cabo na Estratexia de Turismo de Galicia 2030.
A emisión do programa engade ademais un novo valor ao contar coa colaboración dos futuros profesionais do sector que están a realizar os seus estudos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e que precisamente celebra este curso o seu 30 aniversario. O CSHG colabora con máis de 100 cadeas hostaleiras internacionais e na actualidade, os titulados traballan en postos directivos e de cociñeiros en máis de 80 países.