Turismo de Galicia apoia unha nova edición de Estrelas Solidarias no Camiño que potencia a gastronomía como valor esencial do destino
Colabora neste evento no que Galicia Calidade terá especial protagonismo e que bota a andar o luns con distintas experiencias sobre o terreo na ría de Muros e Noia con chefs con máis de 70 Estrelas Michelin
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2025
O vindeiro luns dará comezo unha nova edición de Estrelas no Camiño de Santiago, un evento gastronómico solidario que alcanza xa a súa undécima edición no que se dan cita un grupo de chefs con máis de 70 Estrelas Michelin. Unha vez máis este encontro, visibilizará o potencial gastronómico da comunidade xunto coa calidade dos produtos galego. Turismo de Galicia, a través de Galicia Calidade, están a colaborar estreitamente con este evento que contribúe a posicionar Galicia como terra de experiencias únicas e auténticas.
Así, botará andar o vindeiro luns cando pola mañá, o grupo de chefs participará nunha experiencia do territorio e produto na contorna da ría de Muros e Noia promovida por Turismo de Galicia. Vivirán unha inmersión no patrimonio natural, cultural e gastronómico do litoral galego, facendo homenaxe ao traballo do marisqueo tradicional.
Os responsables da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia conducirán esta actividade que inclúe unha visita ás instalacións do criadeiro do Freixo, a semente a pé de ría de máis de 65.000 crías de ameixas e unha degustación de produtos de Galicia Calidade nun xantar a carón do mar. O grupo de cociñeiros estará acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e a directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, entre outras autoridades.
Xa pola tarde, o grupo desprazarase ata Gonte (Negreira), onde terá lugar o acto central de Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago. O recadado nesta edición destinarase á Asociación Saúde Mental A Creba e á Fundación de persoas con discapacidade intelectual da comarca da Barcala. Ambos colectivos centran o seu labor na saúde mental.
A cita, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo, terá un ano máis unha feira gastronómica e unha cea tipo cóctel con estacións, showcookings en directo e música. Entre os chefs participantes non faltarán Elena Arzak, os irmáns Sergio e Javier Torres, Lucía Freitas, Paco Roncero, Francis Paniego, Mario Sandoval, Pepe Vieira ou Yayo Daporta, entre moitos outros nomes recoñecidos do panorama nacional e internacional.