A Xunta inviste máis de 60.000 euros na pavimentación dos camiños da Cernada e Abelleira, no concello das Neves
O Plan Marco deste ano deixou na comarca do Condado-Paradanta máis de 450.000 euros
A convocatoria deste ano conta cun orzamento de máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra
As Neves, 2 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso, o resultado das obras de pavimentación do camiño da Cernada, en Ribarteme, e Abelleira, na zona de Batallás.
As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2024-2025 da Consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de máis de 60.000 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.
Cabe destacar que o ano pasado levouse a cabo unha actuación similar neste concello grazas ao Plan Marco 2023-2024, que, co mesmo orzamento, permitiu repavimentar o camiño de Chan de Vide, o camiño do cemiterio de Rubios e o camiño da Aldea.
O Plan Marco 2024-2025 deixará na na comarca do Condado-Paradanta máis de 450.000 euros en investimentos que permitirán, ademais das obras citadas, mellorar camiños municipais en Bueixos e As Grades (Achas), no concello da Cañiza; ampliar o vial de Arbo a Vilar as Laxas, no concello de Arbo; mellorar a pavimentación do vial Costa, no concello de Mondariz; mellorar un camiño en Paradela, en Crecente; mellorar a pavimentación nos barrio de San Pedro, en Mondariz-Balneario; pavimentar camiños en Fofe, Covelo e Maceira, no concello de Covelo; e pavimentar e mellorar un camiño en Xinzo, no concello de Ponteareas.
Reguera destacou a importancia destas axudas que “permiten manter unhas infraestruturas indispensables para a preservación da calidade de vida do rural e son un exemplo de como a colaboración entre institucións mellora a vida e a comodidade de todos os galegos e galegas”.
O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.