O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal de catro categorías de persoal estatutario
Resultaron admitidos 24.277 aspirantes, a maioría na categoría do grupo auxiliar da función administrativa
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación do proceso de elaboración das listas de selección temporal das categorías de auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche.
O número de aspirantes admitidos por categorías foi de 24.277, en concreto: 12.221 no grupo auxiliar da función administrativa, 7.483 en persoal de servizos xerais, 3.999 en pinche e 574 en cociñeiro.
O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de: 1.063 en grupo auxiliar da función administrativa, 859 en persoal de servizos xerais, 214 en pinche e 79 en cociñeiro.
As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado por cada aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 17 de xuño.
Próximas publicacións
Mañá, 4 de xuño, publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: celador, celador quenda discapacidade intelectual, técnico en farmacia, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico e técnico superior en radioterapia.