A Xunta apoia con 3 M€ euros un total de 40 parques empresariais galegos para modernizar a súas infraestruturas e incrementar a súa competitividade

O Goberno galego publicará nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución desta convocatoria de axudas que tivo unha grande acollida e que busca dar resposta ás novas necesidades que teñen os polígonos de Galicia para fixar e atraer novos investimentos

Destes 40 polígonos industriais, 16 están na provincia da Coruña, 12 na de Lugo, nove na provincia de Pontevedra e tres na de Ourense

Permiten implantar iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga ou infraestruturas viarias, entre outras cousas

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025

A Xunta apoia con tres millóns de euros un total de 40 parques empresariais galegos co obxectivo de modernizar a súas infraestruturas e incrementar a súa competitividade.

Así, o Goberno galego publicará nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución desta convocatoria de axudas que tivo unha grande acollida e que busca dar resposta ás novas necesidades que teñen os polígonos industriais para fixar e atraer novos investimentos.

Dos 40 parques beneficiarios, 16 están na provincia da Coruña, como é o caso das Somozas, Merelle, Santa Comba, Sigüeiro, ou o parque empresarial de Espiñeira; 12 na de Lugo onde figuran como beneficiarios, entre outros, os polígonos de Barreiros, Ribadeo, Cuiña, Sete Pontes de Vilalba ou o de Outeiro de Rei; nove na provincia de Pontevedra onde destacan o de Silleda, Chan da Ponte, Campaña, O Camballón ou Merlín; e tres polígonos industriais beneficiados na de Ourense como é o caso da Gudiña, Tamallancos e O Pereiro de Aguiar.

Estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.

A liña de apoios (xa pechada) son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas.

Data de actualización: 03/06/2025