A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron en rolda de prensa as novas funcionalidades
A Xunta presenta as novas funcionalidades da app Sergas móbil, que permitirán abrir un chat directo de mensaxería entre profesional e paciente
A Consellería de Sanidade publicará nos vindeiros días a licitación dun contrato de servizos por 1,5 M€ para desenvolver ferramentas dixitais de comunicación coa cidadanía que se implantarán de forma progresiva o ano que vén
Actualmente preto de 2,2 millóns de persoas son usuarias da aplicación móbil do Servizo Galego de Saúde
Só o ano pasado foron realizadas máis de 7 millóns de consultas telefónicas de atención primaria, máis de 1.700 videoconsultas e enviáronse máis de 15,5 millóns de sms individualizados
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron hoxe en rolda de prensa as novas funcionalidades da aplicación Sergas Móbil que facilitarán, entre outros servizos, abrir un chat directo de mensaxería entre profesional e paciente.
A secretaria xeral técnica informou de que nos próximos días a Xunta publicará a licitación do contrato de servizos para o desenvolvemento das novas ferramentas dixitais, por 1.517.824 euros, co obxectivo de “incrementar e mellorar as canles de comunicación da sanidade pública coa cidadanía”.
Neste sentido, citou datos de actividade que reflicten a consolidación da comunicación a través da app do Servizo Galego de Saúde, que conta con 2.188.151 usuarios.
En 2024, foron realizadas 7.026.375 consultas telefónicas atendidas por atención primaria, 1.707 videoconsultas tanto de primaria como de hospitalaria ou o servizo de teleasistencia Telea, están telemonitorizados 11.121 pacientes con doenzas crónicas e foron devoltas polos centros de saúde 19.661 chamadas desde centros de saúde.
Tamén é relevante o número de persoas que utilizaron no último ano a tarxeta sanitaria na súa versión dixital, que chegaron a 834.512, e de mensaxes sms individualizadas que se enviaron en cribados poboacionais ou campañas de vacinación, que acadaron as 15.586.319.
Novos servizos
O subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, detallou as melloras das novas funcionalidades previstas entre as que destaca o iChat de mensaxería directa entre profesional e paciente.
Aínda que agora mesmo Sergas Móbil xa permite compartir documentos co profesional sanitario a través da carpeta persoal de É-Saúde, o Servizo Galego de Saúde pretende mellorar o fluxo de documentos, imaxes e consultas, permitindo tanto comunicación en tempo real como en diferido.
Como axuda ao usuario na aplicación móbil, porase en funcionamento un asistente virtual con intelixencia artificial xerativa ao cal se lle poderán facer preguntas, en galego ou castelán, mediante audios de voz ou texto.
Por outro lado, desenvolverase un sistema de acompañamento a pacientes e familiares co cal a persoa acompañante poida coñecer o fluxo do proceso asistencial no servizo de urxencias, en hospitalización ou no hospital de día.
Entre outros servizos, tamén está previsto facilitar un asistente integral que oriente os pacientes sobre os trámites previos ante procesos cirúrxicos, vídeos explicativos ou coidados posteriores.
O contrato que licitará a Xunta contempla ter desenvolvidas as novas funcionalidades o 30 de xuño de 2026 e, a partir de aí, a Consellería de Sanidade comprobaría a súa efectividade para a implantación de cada servizo de forma progresiva ata finais de 2027.
Este proxecto está financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.