O presidente asistiu á inauguración da 1ª edición do encontro especializado do sector da pedra, celebrado en Vigo

Rueda salienta na feira Stonegal o papel estratéxico da pedra natural na economía galega e o compromiso da Xunta cunha minería sostible

“Galicia é pedra e auga. A pedra é algo que nos identifica e unha das fontes da nosa economía”, resaltou

Destaca os “magníficos recursos mineiros” de Galicia que fan da comunidade “unha potencia” neste sector

Galicia representa o 9,5% da produción mineira a nivel estatal, e lidera a produción de granito e lousa, con máis da metade das explotacións

Vigo, 3 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura da primeira edición de StoneGal, un novo encontro profesional que nace coa vocación de converterse nun referente para o sector da pedra natural en Galicia. Rueda destacou a importancia desta industria, clave na economía galega, e salientou a aposta da Xunta por apoiar “proxectos de minaría sostible”. 

Rueda resaltou os “magníficos recursos mineiros” de Galicia que fan desta comunidade “unha potencia” no sector e, dentro deles, fixo especial fincapé na importancia tanto económica como cultural do traballo coa pedra. “Galicia é pedra e auga. A pedra é algo que nos identifica, hai tradición de traballar e vivir da pedra desde hai séculos e se trata dunha das fontes da nosa economía”, salientou Rueda, que asegurou que este sector xera riqueza en toda a contorna,  “na extracción, transformación ou na construción”.

Os últimos datos da Estatística Mineira de 2023 revelan o peso da industria mineira en Galicia. A comunidade representa o 9,5% da produción mineira a nivel estatal e lidera a produción de granito e lousa, con máis da metade das explotacións nacionais de lousa ornamental. En lugares como Valdeorras e O Porriño, a actividade mineira non só destaca pola calidade do material, senón tamén pola capacidade de xeración de emprego, cun total de 3.711 traballadores directos no sector e máis de 2.400 dedicados especificamente á pedra natural, dos cales preto dun 25% son mulleres.  

Galicia ocupa tamén o primeiro posto en valor de produción de pedra ornamental, con case o 42% do total estatal e máis de 450 millóns de euros xerados en 2023. Ante estas cifras, o titular do Goberno galego reafirmou a aposta da Xunta por garantir un aproveitamento ordenado, sustentable e beneficioso para o territorio dos seus recursos naturais. 

Medidas de promoción do sector mineiro

O Parlamento aprobou recentemente a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan recursos naturais galegos, co obxectivo de asegurar que a riqueza xerada fique no territorio. Ademais, a Xunta levou a cabo a recuperación do Consello da Minería de Galicia e a creación da figura dos concellos mineiros, que permiten canalizar accións como a formación, a recuperación ambiental ou o fomento do termalismo. 

Así mesmo, Rueda puxo en valor “a Axenda de Impulso da Minería Sostible 2030”, que será actualizada proximamente para adaptarse ao novo contexto económico e ás demandas do sector. Como apoio a este proceso, lembrou que a Xunta mantén aberta unha liña de axudas dotada con 2,4 millóns de euros para fomentar a sustentabilidade das empresas mineiras, con achegas que poden chegar aos 100.000 euros por proxecto. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2025