O secretario xeral da Lingua participou no acto de presentación da versión en liña da Biblia en galego, publicada en formato físico por primeira vez en 1989
A Xunta impulsa a lingua no ámbito relixioso a través dos soportes dixitais
A publicación pode consultarse xa a través do seu propio portal abiblia.gal , ademais de contar coa cuarta edición en papel desde o 2022
Valentín García destaca a “necesidade de adaptarse aos tempos facilitando o acceso a este tipo de textos a través das tecnoloxías”
Resalta, ademais, o obxectivo de “potenciar o uso do idioma e o seu prestixio a través de eidos con gran peso en Galicia“
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da versión en liña da Biblia en galego, iniciativa coa que colabora a Xunta no senso de “seguir dando pasos adiante en todos os ámbitos da sociedade, como é o eido relixioso, a prol do uso da nosa lingua”, apuntou.
Así, o representante da Xunta resaltou “a necesidade de adaptarse aos tempos e ás actuais vías de comunicación facilitando o acceso tamén a este tipo de publicacións específicas a través dos soportes dixitais, ademais da súa dispoñibilidade en formato físico”. Deste xeito, lembrou, hai tres anos saíu á luz, tamén co patrocinio do Executivo autonómico, a cuarta edición do libro sagrado “para a que se fixo unha revisión lingüística de acordo ás normas actuais”. Antes, fora publicado por primeira vez en galego en 1989, con dúas edicións posteriores no 1992 e 2001.
Con este novo paso, que permite consultar a Biblia en ligua galega a través do seu propio portal e tamén no portal da Lingua, Valentín García fixo fincapé no obxectivo de “potenciar o uso do idioma en ámbitos con gran peso, tendo en conta a capacidade que a igrexa ten en Galicia para chegar a grandes grupos de persoas”.
Neste contexto, tamén recordou que hai uns meses desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén se impulsou, a través dun convenio co Arcebispado de Santiago, a edición de 1.500 exemplares do Misal galego baixo o selo da editorial da Conferencia Episcopal Española, e que foron distribuídos por toda Galicia a través das dioceses.
Con todas estas iniciativas e a colaboración entre institucións, Valentín García destacou a importancia de “garantir a través de todas as vías, tamén as tecnolóxicas, os dereitos linguísticos das persoas interesadas na relixión, favorecendo a dinamización da lingua no ámbito litúrxico e prestixiando o idioma”.
Ademais, puntualizou, este tipo de accións responden aos obxectivos do Pacto pola Lingua, co que o Goberno galego está a “abranguer todos os eidos posibles, aqueles nos que convive a nosa sociedade”, con propostas xa postas en marcha para sectores profesionais concretos como o sanitario, o da xustiza ou o da administración pública, ao tempo que se incentivan outras iniciativas como cursos de cultura e lingua galegas dirixidas ás persoas chegadas de fóra de Galicia.