Hoxe, 4 de xuño, conmemórase o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos
Gómez Caamaño destaca o compromiso coa doazón e os transplantes dos máis de 5.600 participantes nos concursos escolares de carteis e curtametraxes da Axencia de Doazón de Organos e Sangue
Lembra que Galicia bateu en 2024 o seu récord histórico con 424 transplantes
O ano pasado houbo 137 doadores de órganos e máis de 127.000 galegos xa manifestaron o seu desexo de doar
A Xunta promove a concienciación social coa organización de charlas para escolares e a convocatoria de concursos creativos
Nesta edición os centros educativos galardoados foron CEIP Castrelo de Miño, CEIP Plurilingüe de Vite de Santiago de Compostela, IES A Cachada de Boiro, IES Vilar Ponte de Viveiro, CIFP Imaxe e Son da Coruña e IES A Guía de Vigo
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe o compromiso coa doazón de órganos e cos transplantes dos máis de 5.600 rapaces que levan participado nas distintas convocatorias dos concursos escolares de carteis e de curtametraxes que convoca a Xunta a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
No acto de entrega de premios da presente edición, celebrado no Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López.
Na súa intervención, Gómez Caamaño destacou o fito que supuxo que en 2024 Galicia batera o seu propio récord con 424 transplantes. Agradeceu tamén que máis de 127.000 galegos xa teñan manifestado o seu desexo de doar a través do rexistro de doadores de órganos e que o ano pasado se chegase a 137 doadores.
O conselleiro de Sanidade recoñeceu a xenerosidade dos máis de 3.500 doadores desde que se iniciou o programa en Galicia no ano 1981, así como das 470 persoas que deron un órgano en vida a un ser querido neste período. Grazas a todos eles, foi posible que máis de 10.000 persoas puidesen acceder a un transplante.
Gómez Caamaño tamén tivo palabras para os profesionais dos hospitais doadores que non fan transplantes, aos que se lle dedica a conmemoración deste ano. Referiuse ao valor que ten vivir a cara máis difícil da doazón, que é acompañar ás familias durante o dó pola perda dun ser querido e que sexan partícipes do agasallo que supón un transplante para un paciente en lista de espera.
Centros educativos premiados
Para educar e concienciar a mocidade galega sobre a importancia da doazón, as Consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional conseguiron que nos últimos anos máis de 80.000 alumnos participaran nalgunha das charlas en máis de 1.200 centros.
Ademais, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue convoca anualmente concursos de carteis e de curtametraxes sobre doazón e transplantes. Nesta edición, participaron máis de 420 estudantes procedentes de 34 centros educativos de 28 concellos, dos que 390 escolares concorreron ao concurso de carteis e 47 elixiron o certame de curtametraxes.
Nesta VII edición do Concurso escolar de carteis, na categoría de 5º e 6º de Educación Primaria, o traballo que obtivo o primeiro premio foi Doar é dar un abrazo de vida, de Melanie Castiñeira García do CEIP Castrelo de Miño. O segundo premio foi para o cartel titulado Tecendo vida, de Nicolás Graña Gigirey do CEIP Plurilingüe de Vite, en Santiago de Compostela.
Na categoría de primeiro ciclo de ESO resultou gañador o traballo A túa vida pode florecer noutro corpo, de Marta Vidal Blanco do IES a Cachada de Boiro. O segundo galardón foi para o proxecto Que o final dunha historia sexa o comezo doutras, da alumna Sara López Eijo do IES Vilar Ponte de Viveiro.
En canto ao XI concurso de curtametraxes, resultou gañador Peixe cebra, cuxo autor foi Cristóbal Añón Blanco do CIFP Imaxe e Son da Coruña. O segundo premio recaeu no proxecto que leva por título Doa a túa luz, deixa o teu sinal, realizado polos estudantes, Lucía Almeida Gándara, Maicol Biancha Giraldo, Juan González Agra, Julia Torrón Giráldez e Samuel Vega Sánchez do IES A Guía de Vigo.