Marcos Cabada, do IES Vilar Ponte de Viveiro, gañador en Galicia do concurso ‘Que é un rei para ti?’

Asistirá a unha audiencia con Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real

Á fase autonómica do certame concorreron 1.185 traballos de 107 centros educativos

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, xunto co presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardans, e a representante institucional da Fundación Orange, Amelia Sánchez, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o nome do gañador da fase autonómica da 44ª edición do concurso Que é un rei para ti?.

Marcos Cabada, que cursa 2º da ESO no Instituto IES Vilar Ponte de Viveiro, resultou gañador en Galicia deste certame, promovido por FIES e Fundación Orange. Como vencedor asistirá, xunto co resto de representantes doutras comunidades autónomas, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real en Madrid. En total tomaron parte da fase galega 1.185 traballos realizados procedentes de 107 centros educativos.

Traballos en novos formatos

O obxectivo do concurso é achegar aos nenos e nenas de 8 a 13 anos á figura do monarca e a historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. Pode participar nel todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.

Traballos en novos formatos

En liña coa transformación dixital que está a experimentar a sociedade, foméntase a presentación de traballos en novos formatos como infografías, proxectos ligados á robótica ou animación en 3D, xunto a outras formatos máis tradicionais (debuxo, escultura, redacción, etc.). No acto de hoxe, realizouse tamén a exposición dos 40 traballos finalistas en Galicia, que amosan mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo, a particular visión do alumnado arredor da figura de Felipe VI.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2025