As obras de conservación no viaduto do río Bouzos na vía de alta capacidade do Morrazo farán necesario afectar ao tráfico entre a saída de Cangas e á da PO-551

Trátase de executar as obras de recolocación do apoio de neopreno existente no estribo da estrutura correspondente coa viga central do viaduto, o que fará necesario traballar 3 días

O luns 9 e o mércores 11 realizarase un corte de carril, entre as 9:00 e as 13:00 horas, con paso alternativo do tráfico, regulado con sinalistas

O martes día 10 será necesario o corte completo do tráfico da CG-4.1 desde as 9:00 horas e ata as 19:00 horas, habilitándose os desvíos alternativos necesario para facilitar a mobilidade

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2025

As tarefas de conservación de estradas da Xunta no viaduto do río Bouzos, na vía de alta capacidade do Morrazo (CG-4.1), farán necesario un corte de tráfico esta vindeira semana do tramo comprendido entre a saída de Cangas (VG-4.5) e a saída da vía autonómica PO-551, que será parcial o luns 9  e o mércores 11, e total o martes día 10.

Trátase de executar as obras de recolocación do apoio de neopreno existente no estribo da estrutura correspondente coa viga central do viaduto do río Bouzos.  Debido a tipoloxía do viaduto é necesario realizar o apeo das tres vigas da estrutura, o que supón realizar o apeo simultáneo das devanditas vigas con gatos hidráulicos

Deste xeito, para recolocar o apoio de neopreno será necesario traballar 3 días. No primeiro os operarios de conservación de estradas da Xunta levarán os medios para facer a operación, no segundo a levarán a cabo, e no terceiro retiraranse.

O luns, día 9, procederase ao transporte e instalación dos medios necesarios para o apeo das vigas, polo que será necesario realizar un corte de carril, entre as 9:00 horas e as 13:00 horas, con paso alternativo do tráfico, regulado con sinalistas.

O martes, día 10, executarase o apeo das vigas cos gatos hidráulicos para a reparación do apoio da viga, polo que será necesario cortar completamente o tráfico da estrada CG-4.1. Este corte prevese que podería durar desde a 9:00 horas ata as 19:00 horas do martes.

Para facilitar a mobilidade na zona, durante a xornada do martes desviarase o tráfico sentido Rande – Menduiña desde o enlace do punto quilométrico 11 da autovía do Morrazo (AG-46), cara á estrada VG-4.5 e cara á PO-551, dirección Cangas e Moaña.

No sentido Menduiña – Rande o tráfico desviarase no enlace do punto quilométrico 1 da VG-4.6 cara ao polígono industrial de Bueu e a PO-551.

Ademais, será necesario anular os accesos á CG-4.1 neses mesmos puntos, así como o acceso no punto quilométrico 14+700 da PO-551.

Seguindo o programa inicial previsto, os traballos rematarán o mércores 11, sendo necesario ese día cortar novamente un carril con paso alternativo para retirar todo o material e medios auxiliares. A duración estimada deste corte é de 4 horas, entre as 9:00 horas e as 13:00 horas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2025