Directivos de Nestlé a nivel mundial interésanse pola puxanza do sector lácteo galego

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, mantivo unha reunión con persoal directivo internacional desta empresa alimentaria, que se trasladaron a Galicia para coñecer en primeira persoa o potencial deste eido

O director xeral explicou que Galicia é unha potencia leiteira nos ámbitos nacional e internacional, xa que produce o 42 % da leite de España e atópase entre as primeiras rexións europeas produtoras

Cerviño afirmou que actualmente se transforma en Galicia máis do 70 % do leite que se produce na comunidade, aproveitando esta materia prima para elaborar un produto final cun alto valor engadido

 Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2025

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, vén de reunirse con directivos a nivel internacional da empresa alimentaria Nestlé, que se trasladaron ata o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no concello coruñés de Abegondo, para coñecer en primeira persoa o potencial do sector lácteo galego. Así, Cerviño realizou un completo relatorio sobre a situación deste eido en Galicia, así como da súa evolución.

Durante a súa intervención, o director xeral explicou que Galicia é unha potencia leiteira nos ámbitos nacional e internacional, xa que produce o 42 % da leite de España e atópase entre as primeiras rexións europeas produtoras. Cerviño sinalou que o Goberno autonómico está a apostar de xeito decidido pola transformación do leite na comunidade, co obxectivo de aproveitar ao máximo a calidade desta materia prima e xerar valor engadido ao produto final.

A Consellería do Medio Rural está a avanzar para acadar que o 75 % do leite que se produce en Galicia sexa transformado dentro da propia comunidade. Este obxectivo aparece recollido na Estratexia de dinamización do sector lácteo, unha folla de ruta elaborada da man dos actores implicados neste eido para impulsar as súas potencialidades. Seguindo esta liña, Cerviño afirmou que actualmente se transforma en Galicia máis do 70 % do leite que se produce na comunidade, aproveitando esta materia prima para elaborar un produto final cun alto valor engadido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2025