O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, participou na actividade conmemorativa do Día Mundial contra o Cancro de Próstata, que se celebra o vindeiro día 11 de xuño
A Xunta chama á concienciación sobre o cancro de próstata na andaina organizada polo Hospital Universitario Lucus Augusti
Lugo, 8 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sumouse hoxe en Lugo á andaina organizada polos servizos de oncoloxía médica e de uroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti, con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Próstata, que se conmemora o 11 de xuño.
No percorrido pola Muralla estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.
Esta actividade pretende concienciar sobre o cancro de próstata, avogando pola prevención e a súa detección temperá.
Actualmente, a Xunta ten en marcha un proxecto piloto de cribado de cancro de próstata para abondar na detección precoz desta enfermidade. Está a ser desenvolvido na área sanitaria de Ferrol co obxectivo de chegar a 12.000 homes de 50 a 69 anos.
A Consellería de Sanidade traballa tamén en introducir a intelixencia artificial no diagnóstico de enfermidades urolóxicas para aumentar a precisión e reducir o tempo na detección de lesións malignas.