O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, clausurou a III Xornada de humanización da asistencia sanitaria de Galicia no edificio administrativo de San Lázaro

Pacientes e profesionais do Servizo Galego de Saúde recoñecen os proxectos de humanización máis destacados pola súa creatividade e impacto na calidade asistencial

Resultaron gañadores a iniciativa O paciente como docente, da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e Escola de familias no servizo de neonatoloxía, da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

Gómez Caamaño louva as propostas que nacen da colaboración activa entre os profesionais da sanidade pública, as familias e os propios pacientes

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe o recoñecemento de pacientes e profesionais do Servizo Galego de Saúde aos proxectos de humanización máis destacados das distintas áreas sanitarias pola súa creatividade e polo seu impacto nunha mellor calidade da asistencia.

No marco da III Xornada de humanización da asistencia sanitaria de Galicia, na que tamén interveu o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, as sete áreas sanitarias presentaron iniciativas desenvolvidas grazas á colaboración activa, tanto de profesionais como de familiares e dos propios pacientes.

As mencións especiais desta edición da xornada foron, por unha banda, para o proxecto O paciente como docente, da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que recoñece a pacientes e familias como axentes activos capaces de enriquecer a práctica clínica e a formación dos profesionais.

Por outro lado, a Consellería de Sanidade recoñeceu a iniciativa Escola de familias no servizo de neonatoloxía, da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que ofrece formación e acompañamento ás familias dos neonatos, axudándolles a afrontar unha etapa chea de medos e incertezas desde a proximidade e o coidado emocional.

Gómez Caamaño subliñou que, ademais de tecnoloxía de vangarda e novas infraestruturas, o que verdadeiramente dá sentido ao traballo do persoal sanitario é a atención ás persoas e a relación do profesional cos seus pacientes.

Lembrou que no ano 2020, o Servizo Galego de Saúde presentou a Estratexia de humanización da asistencia sanitaria en Galicia co lema Preto de ti e que ten como eixes fundamentais a calidade das relacións entre as persoas, os procesos de atención integral, os espazos e servizos de apoio e a relación coa sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2025