Medio Rural salienta a importancia da aplicación da innovación e as novas tecnoloxías ao sector primario
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse hoxe con representantes do sector avícola de Galicia que lle presentaron un programa de dixitalización para explotacións avícolas baseado na intelixencia artificial. Balseiros puxo en valor esta iniciativa e salientou a importancia deste tipo de proxectos, que aplican a innovación e as novas tecnoloxías ao sector primario co obxectivo de mellorar a rendibilidade e competitividade das explotacións.
A iniciativa consiste en dixitalizar os parámetros de control que se recollen de xeito habitual nas explotacións avícolas como o aire, a temperatura, a auga ou o benestar animal, complementándoos con novas medicións a través da instalación de sensores. A dixitalización destes datos e o seu tratamento, que poderá consultarse en tempo real dende un dispositivo móbil, facilitará a súa análise co fin de favorecer a toma de decisións que redunden de xeito positivo nas explotacións.