Medio Rural e o concello de Oza-Cesuras avanzan na mellora dos camiños rurais neste municipio coruñés
A conselleira María José Gómez mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Pablo González Cacheiro, na que tamén se avaliaron os procesos de concentración/reestruturación parcelaria finalizados e en marcha no termo municipal
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse en San Caetano co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, para avanzar na colaboración entre a Xunta e o Concello na mellora dos camiños rurais neste municipio coruñés, no marco do Plan Camiña Rural.
Neste encontro, a conselleira e o rexedor municipal coincidiron en valorar a importancia da cooperación institucional para mellorar estas infraestruturas rurais, claves na mobilidade das persoas e das mercadorías, neste caso fundamentais para dar saída aos aproveitamentos forestais nun concello que salienta pola riqueza da produción de madeira nos seus montes.
O Plan Camiña Rural do período 2025-2026 está dotado, para o conxunto dos concellos galegos, con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios da Consellería e ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas.
Son subvencionables os traballos de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.
Na xuntanza entre a conselleira e o alcalde de Oza-Cesuras avaliáronse tamén os procesos de concentración/reestruturación parcelaria finalizados e en marcha no termo municipal. Neste sentido, cómpre salientar que o municipio coruñés conta xa con 18 zonas rematadas, que abranguen unha superficie total de case 7.900 hectáreas. A maiores, outros dous procesos permanecen abertos, ambos en fase de acordo, e suman outras 2.628 hectáreas.