A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, achegouse ata a montaxe destes concertos que se celebran durante o día de hoxe no municipio pontevedrés de Tomiño
Lara Meneses salienta o pulo da Xunta aos gañadores do ‘Xuventude Crea’ co Festival Orballo Cultural
Dez artistas premiados nas disciplinas de música, DJ e danza son os encargados de abrir cada un dos oito concertos deste certame
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o compromiso do Goberno galego en difundir e darlle visibilidade ao talento mozo
Tras as citas da Estrada e de Tomiño, o ciclo percorrerá O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo
Tomiño (Pontevedra), 14 de xuño de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, salientou o “importante pulo” que o Goberno galego está a dar aos gañadores do Xuventude Crea 2024 co súa incorporación ao cartel do Festival Orballo Cultural, que forma parte do Concertos do Xacobeo. Así o salientou na súa visita a montaxe dunha das oito actuacións deste certame, que se celebra hoxe no municipio pontevedrés de Tomiño.
Deste xeito, antes dos concertos deste serán de The Limboos e Herdeiros da Crus, actuará o grupo que se fixo co terceiro posto na categoría de danza do Xuventude Crea 2024, integrado por Daniel Suárez, Alba Mejide e Bruno Orosa. Para a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude esta incorporación é unha “demostración máis da aposta do Goberno galego por difundir e darlle visibilidade ao enorme talento emerxente que sae deste certame”.
A cita musical en Tomiño é a segunda do programa do Festival Orballo Cultural, que deu comezo o pasado 31 de maio na Estrada, coa actuación de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Despois deste sábado, percorrerá O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo.
Lara Meneses explicou que abrirán cada un destes concertos dez artistas que resultaron premiados nas disciplinas de música, Dj e danza do último Xuventude Crea, do que destacou que supuxo a ampliación do número de disciplinas, ata un total de 16, e fixo fincapé no “grande éxito de participación con máis de 600 participantes, dobrando o número do pasado ano”.
Deste xeito, ademais dos terceiros gañadores na categoría de Danza, participará no resto de concertos do Orballo Cultural, o primeiro premio desta disciplina, Judith Roca. Ademais, tamén se incorporarán como apertura de cada unha das actuacións, os gañadores do primeiro, segundo e terceiro premio da categoría de música: Sara Gimeno, Juan Arca e Pablo Sexto, quen actuará en formato trío con Roi Alfonso e Davi Somavilla. De igual forma, sumaranse os DJ Lidia Fraga e Jorge Luis Pardo, segunda e terceiro nesta disciplina.