Medio Rural incrementa en preto dun 20 % o orzamento para a formación e adestramento do persoal de prevención de lumes forestais no bienio 2025/26

O director xeral de Defensa do Monte compareceu na Comisión 7ª do Parlamento para explicar as novidades do Pladiga 2025, entre as que salienta o aumento de orzamento para adestramento, que ascende ata os 1,8 millóns de euros

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias salientou que os servizos do matadoiro móbil da Xunta incrementáronse nun 120 % no primeiro trimestre de 2025 en relación co mesmo período do ano anterior

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural incidiu en que todos os polígonos agroforestais da comunidade lévanse a cabo seguindo a normativa, que esixe o consentimento dos propietarios de máis do 70 % da superficie do polígono

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou que a Consellería do Medio Rural investiu 14 millóns de euros dende o ano 2018 para que o centro poida levar a cabo a súa actividade investigadora

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025

A Consellería do Medio Rural incrementou preto do 20 % formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais e tamén á formación dirixida á poboación, ata chegar aos 1,8 millóns de euros para o bienio 2025/26. Así o explicou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, quen compareceu a petición propia para informar das novidades do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) correspondente ao ano 2025. Trátase da primeira vez que se comparece nesta Comisión para dar conta do Pladiga.

Na súa intervención, o director xeral fixo especial fincapé no Plan de formación, que é un dos catro que integran o Pladiga, xunto cos de prevención; de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras e de extinción. No marco deste Plan, a Xunta programou para o bienio 2025/26 un total 70 accións formativas dirixidas á poboación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Estes cursos levaranse a cabo especialmente naquelas zonas do territorio máis afectadas pola actividade delituosa incendiaria -nomeadamente nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI)- e teñen como finalidade preparar á poboación para afrontar situacións de risco coas mellores garantías de seguridade. Trátase de informar aos veciños das medidas preventivas, conciencialos das obrigas establecidas na normativa e aconsellalos sobre o comportamento a seguir ante os incendios forestais que poidan ter lugar nos seus lugares de residencia habitual.

Con respecto aos chamados obxectivos de control, un termo estatístico empregado para mellorar a calidade e a eficiencia, tal e como explicou Rodríguez, mantéñense tamén na liña de campañas anteriores, e así establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total, a arborada queimada, a total por lume e a queimada por lume se manteñan por baixo da media da última década. Tamén, que o número total de incendios estea por baixo da media dos últimos dez anos (situada nos 307), que os lumes que superen as 25 hectáreas queden por baixo do 2 % do total e que aqueles de menos de 1 ha sexan máis do 70 % do total.

Matadoiro móbil

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou que os servizos do matadoiro móbil da Xunta incrementáronse nun 120 % no primeiro trimestre de 2025 en relación co mesmo período do ano anterior, o que amosa que esta iniciativa está a responder ás demandas dos gandeiros situados en zonas tradicionalmente máis afastadas dos matadoiros convencionais. Sinalou que o obxectivo desta iniciativa, pioneira en España, é o de cubrir as demandas do sector, minimizando os desprazamentos dos animais para o seu sacrificio, incrementando a rendibilidade na comercialización dos seus canais e reducindo os seus custos.

Así, entre xaneiro e marzo deste ano, o matadoiro móbil prestou 90 servizos a 69 explotacións, a través dos cales se sacrificaron 441 animais (porcinos, ovinos e cabrúns). Neste mesmo período, pero no 2024, as cifras acadadas foron 41 servizos cunha cobertura de 29 explotacións e 222 animais sacrificados. Balseiros realizou tamén un balance dos servizos prestados no 2024, no que o matadoiro móbil acadou as 210 intervencións solicitadas por 116 explotacións para xestionar o sacrificio de máis dun milleiro de animais.

Ademais, de cara ao futuro, incluirase entre os servizos unha sala de despezamento instalada na base loxística da unidade, situada no concello de Chantada. A maiores, tamén se disporá dun laboratorio de diagnóstico e control de triquina, unha medida estratéxica que reforza a seguridade alimentaria, a autonomía operativa do servizo e a axilidade na xestión sanitaria das carnes obtidas, especialmente nun contexto de actuación en zonas rurais cunha limitada infraestrutura analítica. O laboratorio está pendente das autorizacións sanitarias para a súa entrada en funcionamento.

En resposta a unha pregunta sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, Balseiros explicou que neste mesmo mes de xuño a Consellería do Medio Rural xa aboou máis de cinco millóns de euros a 2.560 explotacións afectadas por esta enfermidade. A resolución cos beneficiarios publicouse esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia e ademais de compensar as mortes dos animais positivos subvenciona os custos do tratamentos veterinarios e desinsectantes.

Polígono agroforestal de Valga

Por outra banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, lembrou que os polígonos agroforestais son un dos instrumentos incluídos dentro da Lei de recuperación da terra agraria, que ten como obxectivo a recuperación de posta en produción de terras de boa capacidade produtiva.

A directora xeral resaltou que actualmente hai 33 polígonos agroforestais en tramitación en toda a comunidade, que van recuperar máis 9.500 hectáreas. Asemade, explicou que os polígonos forman parte dunha ampla estratexia, que se complementa con outros instrumentos incluídos na Lei de recuperación da terra agraria; así como con ferramentas como o Banco de Terras.

No caso do futuro polígono do concello pontevedrés de Valga, ao igual que acontece con todos os que xa se impulsaron na comunidade, levarase a cabo cumprindo a normativa, que esixe consentimento dos propietarios de máis do 70 % da superficie do polígono. Seguindo esta liña, afirmou que todos os proxectos que se instalen nos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria deberán cumprir coa normativa ambiental, sanitaria e agraria.

Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

En resposta a unha pregunta sobre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou que a Consellería do Medio Rural investiu 14 millóns de euros dende o ano 2018 para que o centro poida levar a cabo a súa actividade investigadora, ademais de mellorar as súas infraestruturas, equipamentos e maquinarias.

Alemparte sinalou que o CIAM tamén está a participar en convocatorias de concorrencias que están a captar fondos para inversión en equipamentos, infraestruturas e actualización, que se suman aos fondos xa mencionados. Actualmente o centro conta con 42 liñas de investigación activas ou traballos técnicos.

Data de actualización: 13/06/2025